- Renovarase o valado perimetral do recinto para unha maior seguridade
- Tamén se actuará no piso do patio cuberto para evitar esvaróns
Valga, 4 de outubro de 2019.
A Xunta de Galicia ten previsto acometer obras de mellora no CEIP Plurilingüe Baño-Xanza para mellorar a seguridade no recinto educativo.
Os traballos proxectados consistirán, por unha parte, na substitución de todo o valado perimetral do colexio, que se atopa moi deteriorado debido á súa antigüidade. Ademais, tamén se levarán a cabo obras de fresado no piso do patio cuberto co obxectivo de que non se produzan esvaróns do alumnado.
Estas actuacións contan cun orzamento de 21.755’79 euros e serán financiadas integramente pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Os traballos contan cun prazo de execución de dous meses e xa están adxudicados á empresa Covisam Norte S.L., polo que darán comezo proximamente.