- As obras foron contratadas á empresa García Sistemas de Carpintería
- O custo total da actuación, 26.266 euros, será aportado pola administración autonómica
Valga, 2 de outubro de 2019.
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acometerá proximamente obras de mellora da carpintería de aluminio no CEP Plurilingüe Xesús Ferro Couselo de Cordeiro, unha actuación na que a administración autonómica investirá 26.266’38 euros.
As obras foron contratadas á empresa García Sistemas de Carpintería S.L., de Pontecesures, e consistirán na substitución das portas exteriores do colexio, así como algunhas ventás que quedaran pendentes de cambiar hai dous anos, cando se executou outra obra de renovación da carpintería exterior de maior envergadura.
Daquela substituíranse 23 fiestras do edificio educativo que, debido ao seu deterioro, provocaban a entrada de aire ás aulas e outras dependencias, o que limitaba a eficacia do sistema de climatización e causaba incomodidades. Agora completarase esta renovación co resto de ventás que aínda non se melloraran dende a inauguración do colexio, hai máis de trinta anos.
Esta actuación, xunto con outras melloras no colexio Baño-Xanza, foron solicitadas polo Concello á Consellería de Educación atendendo ás demandas da comunidade educativa.