Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A mostra, promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade, pretende detectar as novas formas de violencia de xénero a través das redes sociais

Once paneis recollen distintas formas de exercer a violencia como os celos, o control, a manipulación, a chantaxe emocional ou o abuso

expo1

Valga, 2 de xaneiro de 2018.

O Auditorio Municipal acolle dende hoxe e ata o vindeiro 14 de xaneiro a exposición “Á violencia de xénero… dille NON”, que chega a Valga da man da Secretaría Xeral de Igualdade. A mostra, formada por 11 paneis de 70x100 centímetros, diríxese específicamente á mocidade co obxectivo de detectar e previr a violencia de xénero e as novas formas de maltrato a través das redes sociais e as novas tecnoloxías.

A premisa da que parte é que “Todas as formas de violencia de xénero aliméntanse do mesmo substrato: os estereotipos caducos e os mitos enganosos que a xente maior cre erradicados e que, desgraciadamente, a poboación máis nova parece estar reproducindo de maneira preocupante”. Tomando o deseño do cómic, os paneis aluden a distintas formas de exercer a violencia como os celos, o control, a manipulación, a chantaxe emocional, o abuso ou a “sextorsión”. Algunhas chegan a pasar desapercibidas para as persoas que as sofren e, nalgúns casos, tamén para quen as exerce ao estar normalizadas pola sociedade.

“Á violencia de xénero… dille NON” quere axudar á mocidade a recoñecer, identificar e rexeitar estas e outras condutas nocivas que se dan nas relacións afectivas e sociais, comportamentos discriminatorios inadmisibles e verdadeiros sinais incipientes de violencia machista que poden chegar a anticipar outras manifestacións máis graves do maltrato. “O respecto, a liberdade e a igualdade son tres piares básicos nas relacións”, por iso a exposición quere facer ver aos adolescentes que os celos non son unha expresión de amor, senón de poder, de posesión e de control; que non deben permitir que a súa parella controle o que fan, que critique e vixíe a súa forma de vestir ou de comportarse; que os separe dos seus amigos e familia; ou que os controle a través de whatsapp ou das redes sociais intentando impedir que actúen como persoas libres.

expo2  expo3 expo4 expo5

Volver