- A Xunta aprobou unha aportación económica de 336.446 euros para desenvolver este proxecto formativo
- Os aprendices percibirán o salario mínimo e realizarán obras de interese público no edificio administrativo, pavillón de Beiro e en zonas verdes do municipio
Valga, 30 de setembro de 2019.
A Xunta de Galicia aprobou a concesión dunha axuda de 336.446 euros aos concellos de Valga e Moraña para a posta en marcha do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia IV, no que poderán participar un total de vinte persoas desempregadas de ambos municipios durante un período de nove meses.
Os requisitos para tomar parte neste proxecto formativo son: estar desempregado e ter máis de 18 anos, aínda que terán prioridade os maiores de 45. As persoas interesadas teñen que acudir á oficina do Servizo Público de Emprego (SEPE) de Vilagarcía para anotarse nun dos dous módulos dos que constará o obradoiro: albanelería e forestais.
Aínda que non hai un prazo establecido para formalizar este trámite, o Servizo de Orientación Laboral do Concello recomenda realizalo canto antes xa que o Servizo Público de Emprego pode pechar as listas en calquera momento e sen previo aviso. As persoas anotadas participarán despois nun proceso de selección que constará de varias entrevistas e do que sairán os vinte alumnos do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia IV. Terán preferencia os desempregados empadroados nos dous concellos promotores, Valga e Moraña.
Para máis información sobre como anotarse para entrar no proceso selectivo, poden dirixirse ao Servizo de Información e Orientación Laboral do Concello.
O obradoiro Ulla-Umia IV conta cun orzamento total de 396.446 euros, dos que 336.446 serán aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e os restantes 60.000 serán financiados polos concellos. As vinte persoas participantes percibirán o salario mínimo interprofesional durante os nove meses de duración do obradoiro, no que recibirán formación teórica e práctica nas especialidades de albanelería e acondicionamento forestal. Ó obxectivo é favorecer a cualificación profesional do alumnado e incrementar as súas posibilidades de inserción no mercado laboral.
Ademais de formarse, os aprendices realizarán obras de interese público que, no caso de Valga, serán: a continuación dos traballos no edificio de usos administrativos e no pavillón municipal de Beiro, a mellora de tramos do Camiño Portugués mediante desbroces, limpezas, podas ou plantacións e o acondicionamento forestal de diversas zonas verdes como o Miradoiro de Beiro, Mina Mercedes ou a área fluvial de Vilarello.