- Catro profesionais da asociación Mulleres en Igualdade de Vigo ofrecerán unha visión multidisciplinar da violencia física, psicolóxica, sexual e económica contra as mulleres
- Incidirán na necesidade de que a sociedade se implique na súa prevención e axude a detectar posibles casos
Valga, 27 de setembro de 2019.
O Auditorio Municipal acolle o vindeiro luns, 30 de setembro, ás 19 horas a charla-coloquio “Violencia de xénero, unha realidade oculta”, organizada pola Concellería de Igualdade en colaboración coa asociación Mulleres en Igualdade de Vigo e financiada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, no marco dunha campaña de prevención da violencia machista que pretende chegar, específicamente, a zonas do rural.
Catro integrantes do equipo técnico do colectivo Mulleres en Igualdade –unha psicóloga, un socióloga, unha politóloga e un avogado– desprazaranse a Valga para ofrecer unha visión multidisciplinar desta problemática social. Falarase da violencia física, pero tamén doutros tipos de violencia que se exercen contra as mulleres, como a psicolóxica, a económica ou a sexual, tratando de concienciar á poboación de que todos podemos e debemos axudar na súa prevención.
Os profesionais que participarán no coloquio farán fincapé en que “non existe a víctima tipo. Calquera muller pode verse atrapada nunha relación tóxica da que non consegue saír e acabar sufrindo violencia de xénero. Por iso é importante que a familia, os amigos e os veciños saiban recoñecer os síntomas da violencia machista para poder actuar antes de que se produza unha traxedia”.
O Concello fai un chamamento á veciñanza para que asista á charla-coloquio e lembra que os Servizos Sociais municipais e o Centro de Información á Muller –que ofrece asesoramento psicolóxico e xurídico gratuíto– están a disposición de todos os veciños ante calquera sospeita de que poida estar producíndose un caso de violencia de xénero.