- Dolores Gil, María Bouzas e María Castaño serán agasalladas polos Magos de Oriente
- Melchor, Gaspar e Baltasar teñen previsto chegar ás 19 horas ao Belén, onde unha carpa albergará unha festa infantil con música e obradoiros
Valga, 4 de xaneiro de 2018.
Dolores Gil Núñez, de Magariños, María Bouzas Senín, veciña de Cerneira, e María Castaño Tarrío, de Beiro, recibirán mañá a visita dos Reis Magos. As tres veciñas centenarias de Valga, que en 2017 cumpriron 101 anos, serán agasalladas por Melchor, Gaspar e Baltasar, que farán unha parada nos seus respectivos domicilios durante o percorrido en tren que teñen previsto realizar polo municipio para que todos os veciños poidan saudalos e os nenos lles entreguen as últimas cartas.
Melchor, Gaspar e Baltasar, acompañados polos seus paxes, comezarán a súa visita ás distintas parroquias de Valga ás 14 horas pasando polos seguintes lugares: Baño, Avenida Bella Otero, Paredes, San Miguel, Raxoi, Laceiras, Vilares, Martores, Cimadevila, Cedelo, Avenida da Coruña, Desabanda, Pino, Parafita, Magariños, Bronllo, Casaldeirigo, Cernadas, Rexenxo, Eirexe, Cerneira, Cotriños, Canle, Gándara, Sixto, Senín, Outeiriño, Carballiño, Louro, Barro, Barcia, Balleas, Socastro, Casanova, Castiñeiras, Torre, Carracido, Vilarello, Vilar, Moldes, Eiras, Outeiro, Beiro, Ferreirós, Laxes, Rúa Nova, Coto, Eirexe, Devesa, Torre e Forno.
A Comitiva Real trasladarase despois ata o Belén Artesanal, onde todos os nenos e veciños poderán saudar aos Magos. Antes da súa chegada, a partir das 18 horas, unha carpa albergará unha festa infantil con música, obradoiros e outras actividades para amenizar a espera. Arredor das 19 horas os Reis serán recibidos polo alcalde e, a continuación, entregarán un agasallo a todos os nenos presentes.
Aínda que as previsións meteorolóxicas apuntan chuvias para mañá, estas serán intermitentes, en forma de chaparrada e menos probables a medida que avance a xornada. Salvo que durante as primeiras horas da tarde as precipitacións sexan moi fortes e continuas e impidan a circulación, manterase o percorrido en tren dos Reis Magos. Os actos previstos nas inmediacións do Belén Artesanal non se verán afectados en caso de chuvia ao celebrarse baixo unha carpa.