- A sesión terá lugar o vindeiro 16 de setembro a partir das 12 horas
- Explicaranse as axudas ás que poden acollerse os consumidores, como o bono social eléctrico
Valga, 11 de setembro de 2019.
A campaña “Dálle luz á túa factura”, impulsada polo Instituto Galego de Consumo, chega o vindeiro 16 de setembro á Aula CeMiT de Valga a través dunha vídeoconferencia con contidos para axudar aos consumidores e usuarios a comprender mellor a factura eléctrica e darlles algunhas claves para aforrar. A sesión terá lugar a partir das 12 do mediodía.
Tendo en conta que un dos principais gastos das economías familiares é o destinado ao pago da factura eléctrica, “Dálle luz á túa factura” pretende facilitar os coñecementos básicos necesarios para comprender a factura, para adoptar medidas de aforro no gasto eléctrico e para realizar reclamacións en relación á contratación dos servizos prestados polas compañías eléctricas.
A sesión, cunha duración aproximada de 90 minutos, centrarase ademais nas tarifas con descontos como o bono social (de carácter estatal) e axudas específicas a consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social (a nivel autonómico).
Para asistir á videoconferencia é necesario inscribirse con anterioridade na Aula CeMIT ou a través dos números de teléfono 986 556 769 ou 986 559 456.
Curso de edición de vídeos
A Aula CeMIT ten tamén aberto o prazo de inscrición no curso presencial “Edita os teus vídeos”, dirixido a persoas maiores de 50 anos de idade. A actividade, que é gratuíta, dará comezo o día 18 de setembro, con sesións os mércores e venres de 10 a 11:30 horas.
As prazas son limitadas, polo que é precisa inscrición previa.