- As escolas de Campaña, Ferreirós e Forno contan con nova instalación eléctrica e a de Chenlo cun acceso para persoas con discapacidade
- No CEIP de Baño realizouse a ampliación da biblioteca e no CEP Ferro Couselo acometéronse tarefas de limpeza e acondicionamento
Valga, 10 de setembro de 2019.
Mañá dá comezo o curso académico nos centros de Educación Infantil e Primaria e o Concello leva semanas executando traballos de mellora e mantemento para que os colexios de Valga encaren o ano nas mellores condicións.
Durante este verán, operarios municipais acometeron obras de ampliación na biblioteca escolar do CEIP Plurilingüe Baño-Xanza. Os traballos consistiron no derrubamento de tabiques e a apertura do espazo para facelo accesible a todo o alumnado, incluídos os estudantes con necesidades específicas de apoio educativo. O resultado é unha biblioteca na planta baixa orientada principalmente á lectura, mentras que na planta alta (nas dependencias que ata o de agora tiñan a función de almacén) habilitouse unha área de ocio para ludotecas, obradoiros e outras actividades.
Neste mesmo colexio de Baño, levouse a cabo o pintado de aulas, así como outros traballos de mantemento e acondicionamento como a reposición de azulexos e pequenos arranxos que tamén afectaron ás instalacións do CEP Xesús Ferro Couselo de Cordeiro. Neste centro, ademais, realizáronse tarefas de limpeza exterior.
No que respecta ás unitarias do Centro Rural Agrupado (CRA), en Chenlo acondicionouse a entrada para facilitar o acceso a persoas con discapacidade mediante unha rampa. Nas escolas de Campaña, Ferreirós e Forno renovouse a instalación eléctrica, coa colocación de novos cadros xerais, luces de emerxencia nas saídas e novas chaves de mecanismos. Estes mesmos traballos xa se levaran a cabo con anterioridade en Vilarello e, próximamente, continuarán nas dúas unitarias que quedan pendentes: as de Xanza e Chenlo.
No CRA, por último, acometéronse tarefas de limpeza e acondicionamento dos espazos exteriores.
Por outra parte, o Concello está á espera de que a Xunta de Galicia execute varias obras de mellora que ten comprometidas nos colexios de Baño e Cordeiro.
Axudas para material e transporte escolar
Neste comezo do curso escolar, o Concello lembra ás familias que ata o día 31 de outubro continúa aberto o prazo de solicitude das axudas municipais para material e transporte escolar.
As subvencións para material escolar teñen como beneficiario ao alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil de todos os centros públicos do municipio (colexio de Baño e Centro Rural Agrupado), mentras que as de transporte diríxense a estudantes de Bacharelato, FP, ensinanzas artísticas superiores, universitarios e alumnado con necesidades educativas especiais.
Para solicitalas é preciso cumplir os seguintes requisitos:
- Que a renda per cápita familiar non supere o límite de 6.000 euros.
- Estar empadroado en Valga e ser fillo dependente económicamente (menor de 25 anos, que conviva no domicilio familiar e que non teña contrato de traballo ou percibira algún tipo de recurso en 2018, excepto bolsas).
O Concello ten reservadas nos orzamentos unha partida de 8.000 para as axudas ao transporte e outra de 4.000 euros para o material escolar. O importe máximo das subvencións calcularase en función da renda per cápita e, no caso do transporte, da distancia do centro educativo en quilómetros.
As axudas serán solicitadas polos representantes legais do alumnado (pais, nais ou titores). No caso de alumnos de entre 18 e 25 anos poderán facelo tamén os propios beneficiarios. As solicitudes presentaranse no rexistro do Concello en horario de 8:30 a 14:30 ou a través da sede electrónica. É preciso aportar o impreso debidamente cuberto (pode descargarse premendo na páxina web do Concello ou solicitarse nas oficinas municipais) xunto coa seguinte documentación:
- Fotocopia do DNI do solicitante.
- Fotocopia do libro de familia no que figuren todos os membros da unidade familiar.
- Fotocopia da declaración da renda de 2018 dos pais ou titores legais
- Facturas orixinais ou, no seu caso, certificado selado expedido polo centro educativo que acredite o gasto en material escolar ou libros para o alumnado de Infantil.
- Certificado da matrícula expedido polo centro educativo ou resgardo de ter pagada a matrícula selado pola entidade bancaria para o alumnado de Bacharelato, FP, Universidade, ensinanzas artísticas superiores e alumnado con necesidades educativas especiais.
- Declaración responsable de encontrarse ao corrente das obrigas tributarias e da Seguridade Social e de non estar incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións públicas.
Outra documentación complementaria que tamén pode aportarse:
- Certificado que acredite o grao de minusvalía ou incapacidade igual ou superior ao 33% de algún membro da unidade familiar.
- Certificado que acredite a situación de desemprego por un período superior a 6 meses durante 2019 dalgún membro da unidade familiar.
- Documentación acreditativa da situación de familia monoparental ou de ausencia de ambos proxenitores.
- Título de familia numerosa