Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Entregáronlle uns recordos de Valga e diverso material escolar e agradeceron á familia de acollida a súa solidariedade

- Nos dous meses que pasou no municipio someteuse a revisións médicas, aprendeu o idioma e realizou numerosas actividades lúdicas

Mabruka1

Valga, 4 de setembro de 2019.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Benestar Social, Begoña Piñeiro, recibiron esta mañá na Casa do Concello á nena saharauí que pasou o verán en Valga cunha familia de acollida dentro do programa “Vacacións en Paz”, promovido pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps).

O rexedor e a edil entregáronlle a Mabruka Sidahmed Bachir, de 12 anos de idade, uns agasallos que incluían unha mochila e diverso material escolar. Ademais, Bello Maneiro fíxolle entrega dun pin e dun bandeirín co escudo de Valga. Os dous representantes do goberno municipal desexáronlle á moza unha boa viaxe de regreso ao campamento e agradeceron á familia de acollida a súa solidariedade.

Mabruka chegou a Valga o 7 de xullo e a súa estadía remata este venres, 6 de setembro. Este é o primeiro verán que pasa no municipio, acollida pola familia de Milagros Gago. As dúas xa se coñecían con anterioridade. Mabruka é prima das nenas que Milagros acolleu con anterioridade e xa tivera contacto con ela durante as súas visitas ao campamento de refuxiados de Dajla, no deserto de Arxelia.

Durante os dous meses que pasou en Valga, Mabruka puido fuxir das altísimas temperaturas do deserto, que no verán poden acadar os 50 graos á sombra, contar cunha boa alimentación e someterse a revisións pediátricas, ir ao dentista e ao oculista. Ademais, aproveitou estas semanas para realizar numerosas actividades lúdicas: foi de camping á praia, fixo novos amigos e acudiu a romerías como os Milagres de Requián ou a recén celebrada Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

        Mabruka2           Mabruka3

Volver