- Os dous edís, en representación de todos os veciños de Valga, agasallárona cun ramo de flores e unha torta
- Esta veciña de Reguengo (Setecoros) é a segunda muller máis lonxeva do municipio
Valga, 3 de setembro de 2019.
María Josefa Senín Otero, veciña de Reguengo (Setecoros), esta hoxe de celebración. Cumpre 101 anos e por ese motivo este mediodía recibiu a visita no seu domicilio dos concelleiros Begoña Piñeiro e Pedro Calvo, que a felicitaron en nome do alcalde (ao que outros compromisos lle impediron participar na visita), do goberno local e de todos os veciños de Valga.
Os edís agasallárona cun ramo de flores e unha torta e compartiron con ela e coa súa familia, que a está acompañando nesta data sinalada, uns momentos de conversa e de celebración, que incluíron un brinde á saúde da centenaria. María Josefa Senín cumpriu coa tradición de soplar as candeas da torta e recibiu un regalo moi especial do seu bisneto Roi, que interpretou unha peza coa gaita na honra da súa avoa Bisi, como cariñosamente a chaman.
María Josefa Senín Otero é a segunda valguesa máis lonxeva, despois de María Bouzas Senín, veciña de Cerneira, que cumpriu este verán 103 anos. Curiosamente as dúas centenarias son parentes, xa que son curmás.