- Os catadores Mª Dolores Catoira, Juan Carlos García, Manuel Blanco e Antonio Castaño seleccionaron onte vinte e catro licores para a cata final desta tarde
- Os produtores das mellores cañas, que se repartirán 700 euros en premios, daranse a coñecer mañá na XXIX Festa da Anguía e Mostra da Caña
Valga, 29 de agosto de 2019.
Un total de trinta e catro augardentes presentáronse ao Concurso da Caña do País, unha iniciativa que se enmarca dentro da programación da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País que celebra o seu día grande este sábado, 31 de agosto. O certame, ao que poden concorrer destiladores artesanais, reparte 700 euros en premios entre os produtores dos mellores licores.
O prazo para presentar a caña debidamente embotellada rematou onte xoves e foron catorce as augardentes brancas que concorreron ao concurso, trece de herbas e sete tostadas.
Na precata, que contou coa participación dos catadores Mª Dolores Catoira Piñeiro, Juan Carlos García Busto, Manuel Blanco Picón e Antonio Castaño García, realizouse unha primeira selección de vinte e catro licores e esta tarde (ás 20 horas no Centro de Interpretación da Caña do País) elixiranse aos gañadores en cada modalidade, que se darán a coñecer mañá sábado durante os actos da XXIX Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.
O produtor da mellor caña branca será gratificado con 300 euros, mentras que os primeiros premios dos licores de herbas e tostado ascenderán a 200 euros. Os segundos clasificados recibirán un trofeo e un diploma conmemorativo.