- A firma adxudicataria conta cun prazo de 65 días para realizar os traballos
- “Este é un proxecto singular e único no que temos postas moitas ilusións”, destaca o alcalde
Valga, 26 de agosto de 2019.
O Concello acaba de adxudicar á empresa Cimarq Consultora de Ingeniería, Medio Ambiente y Arquitectura S.L. a redacción do proxecto de recuperación do patrimonio histórico-cultural mineiro de Valga, en concreto da antiga liña de vagonetas aéreas entre o río Ulla e a Mina Mercedes. Para a financiación destes traballos de redacción o Concello e a Xunta de Galicia teñen asinado un convenio de colaboración en virtude do cal a Consellería de Economía, Emprego e Industria.
A empresa adxudicataria, con sede na Coruña, é especialista na xestión integral de proxectos de enxeñería civil e estruturas industriais, entre outros sectores, e conta polo tanto coa capacidade técnica que require un proxecto tan singular como é a recuperación desta liña de vagonetas para o transporte de persoas e con fins turísticos.
A oferta presentada por Cimarq S.L. e que resultou a máis valorada pola mesa de contratación incluíu unha considerable rebaixa no prazo de execución dos traballos de redacción, que pasa de 90 a 65 días. Segundo os pregos de cláusulas administrativas que rexeron o proceso de licitación, o proxecto adicará especial atención ao carácter dinamizador da recuperación do antigo teleférico e a súa liña de vagonetas mineiras, así como a súa contribución a valorizar a totalidade do patrimonio cultural existente en Valga. Ademais, contemplará a habilitación de terminais de acceso de pasaxeiros nos dous extremos do teleférico e incluirá un estudo de viabilidade que describa o proxecto a realizar e o modo de desenvolvelo, tendo en conta, a viabilidade técnica e económica e os requisitos legais.
Esta antiga liña de vagonetas que o Concello quere recuperar estaba vencellada á actividade industrial da empresa Novo y Sierra –asentada nos terreos da actual Urovesa– e tiña como finalidade transportar a arxila que se extraía na Mina Mercedes e tamén os materiais cerámicos que se producían na factoría. O teleférico unía o recinto da fábrica cun pequeno porto de carga e descarga no río Ulla, cuxa recuperación está tamén en marcha mediante a instalación dun pantalán por parte de Portos de Galicia.
O alcalde, José María Bello Maneiro, destaca o carácter “singular e único” deste proxecto, no que “o Concello ten postas moitas ilusións” xa que, ademais da patrimonial, conta cunha importante vertente turística. “Os visitantes que cheguen a Valga en catamarán polo Ulla poderían subir a esta liña de vagonetas, ter unha visión aérea do municipio e trasladarse á Mina Mercedes. E isto dentro dun paquete turístico que lles permita, tamén, visitar outros puntos de interese de Valga, como o Museo da Historia ou os petróglifos”. Coa vista posta no vindeiro Xacobeo 2021, hai que ter en conta que o teleférico estaría directamente vencellado á Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, que foi o primeiro dos camiños de Santiago e polo que pasaron os restos do Apóstolo.