Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde e os concelleiros de Cultura e Turismo presentaron hoxe a programación festiva

- O pregón correrá a cargo da valguesa Silvia Pérez e o gran reclamo musical será a orquestra Panorama

DSC 0490

Valga, 23 de agosto 2019.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros de Cultura e Turismo, Pedro Calvo e Malena Isorna, presentaron esta mañá a programación da XXIX Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, que dá comezo esta fin de semana coa sexta edición da Ruta-Concurso “Tapa á Anguía”.

Entre mañá e o domingo, en horario de 12 a 16 horas, un total de dez bares e restaurantes de Valga servirán aos seus clientes 175 quilos de anguía que llesfoi aportada polo Concello e de cuxa limpeza se encargou un grupo de veciños. Os pinchos son gratuítos coas consumicións e as persoas que degusten 5 ou máis elaboracións poderán participar na elección da mellor tapa e entrar no sorteo de dez vales de 30 euros para comprar nos comercios locais.

Os establecementos de hostalería participantes e as tapas que ofrecerán son: Café-Bar Couceiro con “Anguía á brasa con salsa verde”, Bar Juan coa tradicional “Empanada de anguía”, Café-Bar Potel con “Anguía ao estilo Potel”, Cafetería Auditorio con “Ópera anguía”, Pastelería Caprichos con “Anguía na tella”, Bar Maneiro e a súa “Anguía ao estilo Maneiro”, Bar Alba cun “Rolo de Anguía”, Café-Bar Pontellón coa “Anguía ao estilo Pontellón”, Bar Pardal con “Tapa Pardal” e Corona de Galicia e a súa “Anguía La Fabulosa”.

Tamén esta fin de semana, en concreto mañá sábado, terá lugar o percorrido polos lugares participantes no concurso Embelecer Valga, que premia ao lugar máis fermoso acondicionado e engalanado pola cidadanía. O Concello facilita todos os medios para a execución dos proxectos e pon a disposición dos participantes os materiais necesarios para o desenvolvemento das obras. Nesta ocasión foron dezanove as comisións veciñais inscritas e a actuación mellor valorada polo xurado será gratificada con 300 euros, a segunda con 200 e os resto de grupos recibirán 100 euros.

Concurso da Caña do País

O xoves da vindeira semana, día 29, retómanse as actividades do programa festivo coa precata do Concurso da Caña do País, que por vez primeira se desenvolverá nas instalacións do novo Centro de Interpretación da Caña do País. O venres terá lugar a cata final e, ademais, presentarase a botella conmemorativa desta edición do certame.

O prazo para presentar os licores brancos, de herbas e tostados está aberto ata as 14 horas do día 29. Os produtores interesados en participar no concurso, que reparte 700 euros en premios entre as mellores augardentes, teñen que acudir ás oficinas do Concello a recoller as botellas nas que presentar a caña.

O panel de cata que elixirá aos gañadores incorpora nesta ocasión a unha muller, Mª Dolores Catoira Piñeiro, que acompañará a Serafín Novo López, Juan Carlos García Busto, Manuel Blanco Picón e Antonio Castaño García.

O venres 30 pola tarde abrirase no Salón de Plenos do Concello unha exposición de bolillos da Asociación Cultural Palilleiras de Valga, mentras que no Parque Irmáns Dios Mosquera haberá unha festa infantil con pista americana, inchables, táboa de surf e festa da espuma. A continuación actuará o Dúo Caché.

O sábado 31, día grande da XXIX Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, abrirase a partir das 12 horas coa degustación gratuíta de tapas nos locais de hostalería participantes na ruta “Tapa á Anguía”. Pola tarde, a partir das 17 horas, haberá de novo festa infantil con pista de obstáculos, obradoiro de chapas e outros xogos para os máis pequenos e, ás 19 horas, terá lugar o acendido de potas e a demostración de destilado da caña do país a cargo de dous dos “cañeiros” máis representativos do municipio: Antonio Santiago “Tucho” e José Manuel Rodríguez Cerneira.

A valguesa Silvia Pérez, recoñecida pola Universidade de Santiago como unha das alumnas cos mellores expedientes académicos dos centros de ensino medio de toda Galicia e medalla de prata na fase autonómica da X Olimpíada de Xeoloxía, dará lectura ao pregón ás 21:15 horas e a continuación entregaranse os premios do Concurso da Caña, Embelecer Valga, o concurso de debuxo para elixir o cartel anunciador da festa e Tapa á Anguía. Tamén se sortearán os vales de compra da Ruta-Concurso.

Tapas a 2 euros e cócteles por 1

Un concerto da Banda de Música Municipal de Valga será o preludio da degustación de anguía e dos cócteles de caña no campo da festa. Haberá ata catro tapas de anguía diferentes que se venderán por dous euros cada unha: croquetas, empanada, salpicón e tosta de anguía con queixo.

No tocante aos cócteles, poderán adquirirse por un euro e ofreceranse tamén catro variedades que serán preparadas por María Rey, profesora da Escola de Hostalería Carlos Oroza de Pontevedra. Os combinados serán os seguintes: Marujito (unha versión do “mojito” con caña branca, menta, zume de lima e azucre), Válgame Deus (caña de herbas, zumes de pomelo e de arándanos e tónica de hibisco), unha terceira opción a base de té verde con caña branca e, por último, un combinado con augardente de herbas e xenxibre terminado con sidra. Todos os cócteles presentaranse decorados con froita fresca e herbas aromáticas tradicionais de Galicia coas que se elaboran os licores.

A degustación dará paso á verbena, coas orquestras Essencia e Panorama, o gran reclamo musical desta edición da festa. Ás 12 da noite haberá un parón nas actuacións para elaborar unha gran queimada popular con espectáculo de lume e son a cargo do Bruxo Queiman, seguido dunha tirada de fogos de artificio.

DSC 0499

FestaAnguía Cartel

Volver