Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As propostas poden presentarse no rexistro do Concello ata o día 29 de agosto

- Os adxudicatarios terán que pagar ao Concello un canon anual e encargaranse do mantemento dos locais e do seu entorno

bar VILARELLO

Valga, 15 de agosto de 2019.

O Concello de Valga sacou a concurso e por separado a explotación das cafeterías da praia fluvial de Vilarello e da Casa da Cultura de Valga, cun prazo de presentación de ofertas que permanecerá aberto ata o vindeiro 29 de agosto.

Segundo establecen as cláusulas administrativas, o servizo prestarase a risco e ventura dos concesionarios, retribuíndose cos ingresos que se deriven da explotación das cafeterías. Os adxudicatarios deberán aboar ao Concello un canon anual mínimo por importe de 100 euros máis IVE, así como os demais impostos ou taxas que se deriven dos contratos. As ofertas económicas efectuaranse á alza partindo da citada cantidade de 100 euros e poden presentarse no Rexistro Xeral do Concello de luns a venres de 9:30 a 14:30 horas. A elección das ofertas máis vantaxosas atenderá aos seguintes criterios: o maior canon ofertado, o proxecto de explotación e o equipamento e mobiliario co que se dotará ao local.

Os contratos terán unha duración de dous anos e poderán ser prorrogados por mutuo acordo das partes sen que a duración total poida exceder de catro anos.

Corresponderá aos adxudicatarios cumprir cunha serie de esixencias. No caso de Vilarello, encargarase do mantemento, conservación e limpeza do edificio, da praia fluvial, da área de lecer e do aparcadoiro. E no da Casa da Cultura, será a súa responsabilidade o mantemento e limpeza do edificio, así como do lixo, maleza e matagueiras do entorno no que se atopa situado.

Outras esixencias que recollen os pregos son:

   - Cumprir a normativa sobre hixiene e sanidade relativas á hostalería.

   - Exercer por si o contrato e non cedelo ou traspasalo a terceiros.

   - Concertar pólizas de responsabilidade civil que cubran os riscos que se puidesen causar, directa ou indirectamente.

   - Satisfacer os tributos estatais, autonómicos e locais que se deriven do exercicio da actividade.

   - Responder dos danos e prexuízos que se ocasionen ao Concello con motivo da prestación do servizo.

   - O persoal debe estar afiliado á Seguridade Social e estar en posesión do carné de manipulador de alimentos antes de ser contratado.

   - Non se poderán instalar máquinas “tragaperras” que concedan premios en metálico nin máquinas recreativas dos tipos B e C. A instalación doutros aparellos ou máquinas de pasatempo estará suxeita á previa autorización do Concello.

   - Non se permitirá a práctica de ningún xogo de azar no que se utilicen apostas de diñeiro.  

   - Os establecementos non poderán pechar máis dun día á semana.

   - O horario de apertura ao público será, como mínimo, de 15 a 21 horas. En todo caso, poderá ampliarse ata o máximo legalmente establecido pola lexislación vixente.

   - Os aseos estarán debidamente equipados con xabón, toallas ou secadores, papel hixiénico, etc.

   - O adxudicatario deberá manter en bo estado os locais, superficies, instalacións, maquinaria e equipamentos, así como realizar á súa costa as reparacións ou substitución dos elementos que o requiran.

   - Ao finalizar o contrato, o adxudicatario deberá deixar o edificio e os terreos en iguais condicións ás que se atopan actualmente.

Os pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas poden consultarse no perfil do contratante do Concello ao que se accede a través do seguinte enlace: https://valga.sedelectronica.gal/contractor-profile-list

Volver