- Ampliaranse as beirarrúas, melloraranse os servizos e realizaranse actuacións paisaxísticas
- A Consellería de Medio Ambiente e Territorio aporta 96.800 euros para financiar as obras
Valga, 17 de agosto de 2019.
O Concello, contando cunha achega económica da Xunta de Galicia, investirá 121.000 euros na execución de obras de humanización e mellora no entorno da área recreativa e deportiva de Campaña.
O proxecto, que saiu a contratación a comezos desta semana, recolle actuacións como a dotación de servizos, a ampliación das beirarrúas ou a supresión de barreiras arquitectónicas para así favorecer o emprego dos espazos públicos por parte dos peóns, dos usuarios das instalacións deportivas e dos visitantes que acuden á zona atraídos por iniciativas culturais e recreativas coma o Belén Artesanal en Movemento.
Atendendo a este obxectivo de potenciar o uso desta área por parte da cidadanía, levaranse a cabo unha serie de traballos que inclúen a instalación de canalizacións soterradas, a mellora da rede de recollida de augas pluviais, a canalización do alumeado, a ampliación das beirarrúas e outras actuacións de carácter paisaxístico para embelecer o entorno.
O proxecto está subvencionado con 96.800 euros pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio, pertencente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Os pregos de cláusulas administrativas e prescripcións técnicas poden consultarse no perfil do contratante do Concello por parte das empresas interesadas en participar no proceso de licitación. O prazo para presentar ofertas estará aberto ata as 14:30 horas do día 27 de agosto.