- A actividade, promovida polo Colexio de Enxeñeiros Informáticos e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica, desenvolveuse na Aula CeMIT
- Os participantes coñeceron porque voa un dron, programaron unha aeronave e, por último, dirixírona
Valga, 14 de agosto 2019.
O programa “Tech Kids”, destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade e a impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais, fixo esta semana unha parada na Aula CeMIT de Valga coa actividade “Voa con nós”, unha xornada sobre pilotaxe de drons dirixida a rapaces de entre 9 e 16 anos de idade.
Os drons estanse a converter unha ferramenta esencial no entorno laboral. Empréganse, por exemplo, para emerxencias, tarefas de mantemento, entregas a domicilio ou traballos audiovisuais, entre outras moitas aplicacións.
Esta xornada, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, integrou a programación co mundo dos drons. Os participantes comezaron coñecendo que é un dron, porque voa e que partes ten. A continuación tiveron oportunidade de programar un dron, é dicir, desde un ordenador e por medio dunha programación por bloques, converteron o dron nunha aeronave non tripulada e autónoma. E, por último, os rapaces puideron demostrar as súas habilidades na pilotaxe destas naves.
Esta iniciativa, que se realizou por segundo verán consecutivo na Aula CeMIT, permitiu aos participantes achegarse cunha forma lúdica e divertida á enxeñaría informática. Iniciáronse na programación (aprendendo o ciclo da vida do software, as variables e os algoritmos), achegáronse ás matemáticas, en concreto á trigonometría e a conceptos básicos de teoremas de Pitágoras, e tamén adquiriron habilidades cognitivas visuais a través da pilotaxe.