- Fixeron uso das instalacións municipais para comer no transcurso da etapa entre Caldas de Reis e Padrón
- A expedición, do Movemento Xuvenil Salesiano, partiu o 6 de agosto de Milán e chegará mañá a Compostela
Valga, 13 de agosto de 2019.
Unha expedición formada por 170 peregrinos italianos fixo parada este mediodía en Valga no seu camiño cara Santiago.
O grupo de mozos de entre 18 e 30 anos de idade forma parte do Movemento Xuvenil Salesiano e, en concreto, da congregación “MGS Lobardia Emilia Romagna” de Milán. Está encabezado polo pai Ángelo, que foi quen se puxo en contacto co Concello de Valga para solicitar un espazo “sombrío, con aseos e auga potable” no que os 170 peregrinos puidesen comer durante a xornada de hoxe.
O Concello puxo á súa disposición o pavillón municipal de Baño, ao que chegaron arredor das 11:30 os cociñeiros encargados de preparar os víveres para recibir, sobre as 14:30 horas, ao groso da expedición.
Este grupo de italianos está a realizar unha pregrinación a Compostela que comezou a semana pasada. Partiron de Milán o 6 de agosto e fixeron unha primeira parada en Barcelona para visitar a Sagrada Familia antes continuar o traxecto en autobús ata o Santuario da Virxe de Fátima, en Portugal. Dende alí desprazáronse, de novo en autocar, a Oia para cubrir a pé varias etapas do Camiño Portugués da Costa que, ao igual que o Camiño Portugués tradicional, discorre por Valga.
Na súa ruta a Santiago fixeron escala en localidades como Baiona, Vigo ou Redondela. Esta mañá partiron de Caldas de Reis e, trala comida en Valga, continuaron o camiño cara Padrón, onde pernoctarán hoxe. Mañá teñen prevista a chegada a Santiago, completando 110 quilómetros de peregrinación.
É a segunda vez que a congregación do Movemento Xuvenil Salesiano de Milán organiza unha peregrinaxe a Santiago. A anterior tivo lugar no Ano Santo 2010 polo Camiño Francés e participaron 110 persoas.