Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Todos os venres repítense as sesións de estimulación cognitiva e a expresión artística impártese en dous grupos, un en Cordeiro e outro en Valga

- O programa, promovido pola Concellería de Benestar Social, axuda aos maiores a reforzar a súa autoestima, relacionarse con outras persoas e acadar unha maior satisfacción persoal

senior

Valga, 9 de xaneiro de 2018.

Trinta e cinco veciños de Valga, todos maiores de 65 anos, participan dende o mes de outubro e ata xuño nas actividades de estimulación cognitiva e expresión artística do programa Campus Sénior, que organiza a Concellería de Benestar Social e a través do cal os participantes melloran a súa autoestima, relaciónanse con outras persoas e acadan unha maior satisfacción persoal.

As sesións de estimulación cognitiva, que se desenvolven todos os venres no Auditorio Municipal, axudan aos seus 16 participantes a traballar a memoria estruturadas en dúas partes, a primeira de benvida e a segunda de traballo. Comezan realizando dinámicas de grupo con actividades de orientación á realidade, coas que toman conciencia da súa situación no tempo e no espazo e da súa propia persoa a través de estímulos visuais, escritos, verbais, e que inclúen tamén exercicios de relaxación e movementos de coordinación.

Na parte de traballo levan a cabo exercicios de estimulación da memoria a través de recoñecementos visuais e auditivos, mediante a linguaxe e cálculo ou realizando movementos xestuais. Len poesía e outros textos, deletrean palabras, traballan con pasatempos como as sopas de letras, intentan resolver adivinanzas ou recordar refráns, realizan pequenas operacións matemáticas e repiten series de números, entre outras actividades. As técnicas de reforzo da memoria inclúen tamén exercicios vencellados a actividades cotiás como elaborar a lista da compra e separar os artigos por categorías, relacionar cores con obxectos que utilizan no día a día ou relatar contos, ademais de evocar recordos e as súas propias historias de vida.

As clases de pintura contan cun total de 19 participantes divididos en dous grupos: un que se reúne todos os martes no Auditorio e outro que acude o xoves á Casa da Cultura. A artista Ángeles Garrido dirixe as sesións, que axudan aos asistentes a “expresarse a través da pintura” e nas que se traballan tamén aspectos como a psicomotricidade a memoria. Os maiores, ademais, “interactúan entre eles e acadan unha maior sociabilidade”, explica a mestra. Estas clases son, para a mayoría dos inscritos, a súa primeira relación coa pintura e “agora están enganchados a ela”, comenta Ángeles Garrido. Son eles os que elixen a técnica que quere utilizar como o que prefiren pintar porque “é importante que se identifiquen” cos seus traballos, engade.

O Campus Sénior axuda, deste xeito, a acadar unha maior calidade de vida para as persoas maiores, favorece a súa integración e mellora a súas relacións sociais, ao tempo que se traballa no mantemento das capacidades cognitivas, persoais e sociais dos participantes.

senior1 senior2 senior3 senior4 senior5 senior6 seniorv seniorv2

Volver