- A ilustración ten como motivos a anguía, o alambique e o escudo do Concello
- As aulas clasificadas nos tres primeiros postos recibirán vales de 150, 100 e 75 euros para a adquisición de material didáctico
Valga, 7 de agosto de 2019.
Un debuxo pintado polos alumnos de 6º curso do CEP Plurilingüe Xesús Ferro Couselo será o cartel anunciador da XXIX Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, que se celebra a última fin de semana de agosto. A ilustración, que se presentou baixo o lema “Se anguía e caña queres saborear, en Valga as poderás desfrutar”, representa dous alambiques dos que saen senllas anguías e, no medio, o escudo do do concello.
O segundo posto do escolar convocado polas Concellerías de Educación e Cultura para elixir o cartel da festa gastronómica foi para un debuxo feito por alumnado de 5º curso do mesmo centro educativo. Presentáronse co lema “Ven á festa da anguía e cantarás con alegría. Beba caña do país para así poder sorrir” e incluíron na súa ilustración os mesmos motivos: o alambique, unha anguía e o escudo de Valga.
En terceiro lugar, clasificouse un debuxo no que un alambique que ten por colo unha anguía verte augardente nunha pota decorada co escudo municipal. Foi realizado por estudantes de 4º de Primaria do Ferro Couselo o seu lema foi "Nesta festa a anguía comemos e todos a caña bebemos".
As aulas que se clasificaron nos tres primeiros postos recibirán vales de 150, 100 e 75 euros para a adquisición de material didáctico.
As bases deste certame establecían que as ilustracións presentadas debían facer referencia aos dous produtos que se enxalzan na festa, a anguía e a caña, e axustarse á medida de 60x40 centímetros en formato vertical. Obrigatoriamente tiñan que incluír o escudo e o nome do Concello de Valga e o seguinte texto: “XXIX Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. 29, 30 e 31 de agosto de 2019”.