- O Concello aporta os materiais para executar as obras e outorgará gratificacións de 300, 200 e 100 euros
- Nesta edición participan tamén centros educativos, para o acondicionamento dos seus patios e xardíns
Valga, 6 de agosto de 2019.
Dezanove colectivos e comisións veciñais presentaron no Concello os seus proxectos de mellora e acondicionamiento de espazos e infraestruturas públicas cos que concorren ao concurso “Embelecer Valga”. Este certame premia ao lugar máis fermoso acondicionado e engalanado pola cidadanía, xa sexa no ámbito urbano ou rural, de maneira que se implique á veciñanza no coidado e arranxo do entorno, acometendo accións de limpeza, mellora, dotación de equipamentos ou ornamentación de paraxes.
Para participar no certame tiveron que formar unha comisión e presentar no Concello unha pequena memoria descritiva das accións de mellora a desenvolver e os materiais que estiman precisos, ademais dunha reportaxe fotográfica do lugar no que se levan a cabo as actuacións. O Concello, pola súa parte, facilita todos os medios para a execución dos proxectos e pon a disposición dos participantes os materiais necesarios para o desenvolvemento das obras.
O xurado encargado de valorar cada unha das actuacións estará integrado por representantes de cada comisión veciñal participante. O proxecto mellor valorado será premiado cun agasallo, diploma e 300 euros e o segundo clasificado recibirá os mesmos galardóns coa excepción da cantidade económica, que ascenderá a 200 euros. As demais comisións presentadas recibirán un diploma e unha gratificación de 100 euros.
As comisións que concorren ao concurso e os seus respectivos proxectos son:
1. ANPA e CEIP Plurilingue Baño-Xanza: acondicionamento de xardíns, pistas e peche do colexio.
2. ANPA e CEP Plurilingüe Ferro Couselo: acondicionamento do xardín do colexio.
3. Avenida da Coruña: instalación de barbacoa, tirolina e mellora do parque.
4. Barcia: renovación da casiña do parque e acondicionamento do entorno.
5. Barro: limpeza xeral e reposición de plantas no parque.
6. Beiro: acondicionamento e renovación do parque.
7. Canle: mellora do parque e da piscina e instalación dunha casiña de xogos.
8. Casaldeirigo: colocación de parque infantil e acondicionamento do entorno.
9. Cernadas: instalación da cuberta do lavadoiro e dunha mesa.
10. Cerneira (A Fonte): cancha de baloncesto, varanda e acondicionamento do entorno.
11. Cimadevila e Souto: reparación da cuberta do lavadoiro e mellora do parque infantil.
12. CRA de Valga (Escolas Unitarias): acondicionamento e mellora de patios e xardíns.
13. Eiras: reparación do lavadoiro da aldea (Tellado, varanda, e chan) e adecentamento do entorno.
14. Gándara: cambio de fonte de pedra, novas plantas e pintado.
15. Laceiras: acondicionamento do parque, substitución de columpios e prantas.
16. San Miguel: acondicionamento e limpeza do cruceiro e do entorno da igrexa.
17. Tarroeira: instalación dunha pérgola de madeira, cabaña, columpios, unha fonte e xardineiras.
18. Vilar: acondicionamento xeral: bancos, papeleiras, prantas…
19. Vilarello: acondicionamento e arranxo do parque, do lavadoiro e outras instalacións.