Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde, José María Bello Maneiro, asistiu á proba e participou na entrega de premios e no xantar de clausura

- A boa densidade de coellos favoreceu que os 23 lotes de cans inscritos demostrasen as súas habilidades

copacoello1

Valga, 5 de agosto de 2019.

Os terreos do Tecor San Huberto de Valga, que abarcan os municipios de Valga e Pontecesures, foron testemuña da VI Copa España de cans de rastro sobre coello, disputada onte domingo.

Baixo a organización da Real Federación Española de Caza e a Federación Galega de Caza, e contando coa importante colaboración da Sociedade de Cazadores de San Huberto de Valga e o Clube de Amigos dos Cans de Caza, celebrouse esta sexta edición na que o cazador Manuel Aguión Tizón obtivo o título nacional co seu lote de beagles de nomes Nalón, Otilia, Petis e Pancho.

Aguión realizou unha grande prestación que lle reportou un total de 535 puntos e o conseguinte título da Copa de España de cans de rastro sobre coello. O subcampionato foi para Óscar Esparís Agra, tamén con catro beagles de nomes Hix, Rot, Gus e Dama e 500 puntos. Con 482 puntos o bronce recaeu nos leonados Violeta, Kala, Nube e Vitamina, propiedade de Juan Casal Tato.

Mención especial como mellor can da proba para o beagle Nalón, propiedade do campión Manuel Aguión.

A sequedade do terreo e as altas temperaturas marcaron a xornada, que contou con 23 lotes de cans inscritos. Divididos en seis campos, os participantes foron quen, apesares das duras condicións climáticas, de avistar e rastrexar numerosos coellos e levantar entre 50 e 60 unidades. Mostra da boa densidade de caza nos terreos foi o pleno de levantes por parte dos 23 lotes participantes.

Neste sentido, é de destacar o traballo que está realizando a Sociedade San Huberto e grazas ao cal a zona segue sendo punteira na recuperación do coello en Galicia. A sociedade conta cun criadeiro de coellos en semi liberdade que ocupa unha hectárea de terreo e 170 biotopos con peches dispersos polas 4.300 hectáreas de superficie do Tecor.

Un xantar de clausura e a entrega de premios puxeron o broche de ouro a esta VI Copa de España de Coello que contou coa presencia do alcalde, José María Bello Maneiro, ao que acompañaron o rexedor de Pontecesures, Juan Manuel Vidal; o delegado nacional de cans de rastro da RFEC, José Montoiro; o presidente da Federación Galega de Caza en Pontevedra, Francisco Couselo; o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; e Antonio Bouzón, presidente da Sociedade de Cazadores de San Huberto de Valga.

          copacoello2                       copacoello3

copacoello4 copacoello5

Volver