Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O autobús estará emprazado diante do Concello entre as 10 e as 14 horas e en Cordeiro, xunto ao Auditorio, das catro ás nove da tarde

- Solicítase a máxima colaboración e solidariedade dos veciños, xa que o verán é unha das épocas de máis dificultade para acadar doazóns

bussangue

Valga, 1 de agosto de 2019.

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, dependente da Consellería de Sanidade, deprazará o vindeiro martes, 6 de agosto, a Valga unha unidade móbil de doazón dentro da súa campaña “Súmate ao noso equipo”. O autobús estará emprazado en Pontevalga, diante do Concello, de 10 a 14 horas e pola tarde trasladarase a Cordeiro, xunto ao Auditorio Municipal, entre as 16 e as 21 horas.

Poden acudir as persoas maiores de 18 anos (se cumpren 65 poden doar co permiso do seu médico), con máis de 50 quilos de peso e que non padezan nin teñan padecido enfermidades transmisibles polo sangue. Non deben acudir sen almorzar e despois de xantar teñen que deixar pasar dúas horas, sen esquecer levar a tarxeta de doador, DNI ou documento similar. Os homes poden doar un máximo de catro veces ao ano e as mulleres tres, deixando pasar entre cada unha delas un mínimo de dous meses.

Tanto a Axencia Galega de Sangue coma o Concello, que colabora nesta acción, solicitan aos veciños a maior colaboración e solidariedade, tendo en conta que o verán é unha das épocas de maior dificultade para acadar as doazóns que precisan os hospitais galegos, que atenden cada día unha media de 2.700 urxencias, máis de 500 intervencións cirúrxicas e tres transplantes de órganos e tecidos. O obxectivo é acadar as 100.000 doazóns cada mes, cifra que necesitan os hospitais para atender a todos os enfermos. Ademáis, incídese na concienciación dun grupo especial de doadores universais, con sangue cero negativo, que son apenas 7 de cada 100.

Hai que ter en conta que de cada doazón de sangue obtéñense tres compoñentes, glóbulos vermellos, plasma e plaquetas, que adoitan utilizarse por separado, de maneira que unha doazón pode beneficiar a máis dun paciente. Enfermos que se teñen que operar, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancro ou leucemia ou se teñen que someter a transplantes de órganos son os principais receptores das doazóns. Unha intervención cirúrxica pode precisar dúas bolsas de glóbulos vermellos e nalgúns accidentes de tráfico e transplantes de fígado chégase a utilizar o sangue que doan dez ou vinte persoas.

Doazón de Sangue

Volver