- A taxa é de 6 euros e dá acceso a descontos en múltiples establecementos e medios de transporte
- A tarxeta pode utilizarse en toda Galicia, no resto das comunidades españolas e nos 40 países europeos adheridos
Valga, 10 de xaneiro de 2018.
O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado 4 de xaneiro unha orde da Consellería de Política Social na que se fixan os prezos dos carnés dirixidos á mocidade, entre eles o Carné Xove, que expide o Concello de Valga.
Poden solicitar o Carné Xove mozos de 12 a 30 anos de idade. Entre os 12 e os 14 anos é necesaria unha autorización dos pais ou titores. As persoas interesadas en solicitalo deben dirixirse á Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) os días laborables de 8 a 15 horas. A tarxeta, que é persoal e intransferible, renovase cada dous anos e con ela poden obterse descontos en vantaxes das entidades e establecementos colaboradores en Galicia, no resto das comunidades autónomas españolas e nos corenta países europeos adheridos ao programa do Carné Xove.
Na páxina web www.xuventude.net indícanse os establecementos adheridos por provincias, comunidades autónomas e países e os descontos que aplica cada un deles. Poden consultarse no seguinte enlace: http://xuventude.xunta.es/component/k2/item/2334-establecementos-adheridos
A orde da Consellería de Política Social (pode verse aquí: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180104/AnuncioG0425-291217-0001_gl.html) tamén fixa os prezos doutros carnés dirixidos á mocidade (de alberguista, carné teacher ou carné student) que non se expiden no Concello, senón que deben solicitarse ante a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, nas Casas da Xuventude –a máis próxima a Valga é a de Vilagarcía- ou no Centro de Información Xuvenil de Santiago
Por último, a orde establece os prezos correspondentes á prestación de servizos e actividades nas instalacións xuvenís xestionadas pola Dirección Xeral de Xuventude (campamentos, albergues ou residencias) e os descontos aplicables a familias numerosas e monoparentais. As solicitudes deben formularse tamén nestes casos ante as Casas da Xuventude ou no Centro de Información Xuvenil.