- O conselleiro Fancisco Conde anunciou a aportación de 30.000 euros para elaborar o estudo para rehabilitar o antigo teleférico entre o río Ulla e Mina Mercedes
- “É un proxecto singular e único no que temos postas moitas ilusións”, indica o alcalde
Valga, 30 de xullo de 2019.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá Valga para dar a coñecer, xunto ao alcalde, José María Bello Maneiro, a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería e o Concello para financiar a redacción do proxecto de recuperación do patrimonio histórico-cultural mineiro de Valga, en concreto a antiga liña de vagonetas aéreas que unía o río Ulla coa Mina Mercedes.
O acordo contempla un investimento de 40.000 euros na redacción do proxecto, dos que a Consellería de Industria aportará 30.000. O Concello é o encargado de realizar toda a tramitación, de feito hoxe sacouse a licitación a redacción do estudo de viabilidade, no que se describirá o proxecto a realizar e o modo de desenvolvelo, adicando especial atención ao carácter dinamizador da recuperación do antigo teleférico e a súa liña de vagonetas mineiras e contemplando a habilitación de terminais de acceso nos dous extremos.
Esta antiga liña de vagonetas estaba vencellada á actividade industrial da empresa Novo y Sierra –asentada nos terreos da actual Urovesa– e tiña como finalidade transportar a arxila que se extraía na Mina Mercedes e tamén os materiais cerámicos que se producían na factoría. O teleférico unía o recinto da fábrica cun pequeno porto de carga e descarga no río Ulla, cuxa recuperación está tamén en marcha mediante a instalación dun pantalán por parte de Portos de Galicia. Esta actuación, que xa superou todos os trámites ambientais, está agora pendente de ser licitada pola Xunta.
O conselleiro e o alcalde –acompañados polo director xeral de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces, o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e as concelleiras de Turismo e de Industria, Malena Isorna e Carmen Gómez– visitaron os vestixios que aínda se conservan deste antigo porto de carga e as torretas que sostiñan a liña de vagonetas. Tamén se achegaron á Mina Mercedes, hoxe reconvertida nun espazo natural ideal para o lecer da cidadanía.
A recuperación do teleférico entre estes dous lugares “é un proxecto singular e único no que o Concello ten postas moitas ilusións”, salientou o alcalde, “xa que terá tamén unha vertente turística. Os visitantes que cheguen a Valga en catamarán poderían subir a esta liña de vagonetas, ter unha visión aérea do municipio e trasladarse á Mina Mercedes. E isto dentro dun paquete turístico que lles permita, tamén, visitar outros puntos de interese de Valga, como o Museo da Historia ou os petróglifos”.
Bello Maneiro avanzou que o proxecto podería acadar un orzamento duns tres millóns de euros. “Esperamos contar tamén coa colaboración da Xunta para a súa execución e, de ser necesario, acudiremos a Madrid e a Bruxelas para poder facelo realidade”. Coa vista posta no vindeiro Xacobeo 2021, lembrou que “o río Ulla foi o primeiro dos Camiños de Santiago, xa que por el pasaron os restos do Apóstolo”.
O conselleiro, pola súa parte, salientou o traballo que está realizando o Concello de Valga para “a posta en valor do seu patrimonio industrial e a actividade mineira que no seu día se desenvolveu nesta localidade. A minería non só xera riqueza e emprego durante a súa explotación, senón que tamén forma parte do patrimonio do noso país e pode xerar valor a posteriori a través de actividades vinculadas ao turismo. A recuperación que se levou a cabo na Mina Mercedes é un exemplo que o demostra e o obxectivo agora é ampliar esa actuación coa rehabilitación do transporte que se empregaba na mina, que era ecolóxico e sostible”. Para Francisco Conde trátase dunha “iniciativa magnífica” que pode multiplicar “a capacidade que ten Valga de atraer visitantes”.