Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A súa obra, “Labrando nutrientes. Intensificación agraria e manexo a fertilidade do solo nunha agricultura atlántica: Galicia, séculos XVIII e XIX”, impúxose na primeira modalidade, dotada con 4.000 euros

- A segunda modalidade quedou deserta ao non axustarse os traballos presentados ás bases do certame

premioferrocouselo

Valga, 30 de xullo de 2019.

Un traballo sobre o sector agrario na Galicia dos séculos XVIII e XIX proclamouse gañador do XX Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo.

Hoxe 30 de xullo, no día no que se cumpren 113 anos do nacemento do Fillo Predilecto de Valga, dase a coñecer a decisión do xurado que se reuniu o pasado día 26 na Casa do Concello e que estivo integrado por Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega; Xulio Rodríguez González, director do Museo Arqueolóxico de Ourense e facultativo do corpo superior de museos; Pablo Sánchez Ferro, neto de Xesús Ferro Couselo, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e técnico superior do corpo facultativo de arquiveiros da Xunta de Galicia; e Marcial Gondar Portasany, catedrático de Antropoloxía Social da USC, membro da sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e do padroado do Museo do Pobo Galego. Como secretario, con voz pero sen voto, actuou José Ramón Rial Becerra, membro do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Valga.

Na primeira modalidade o tribunal concedeu o premio á investigadora Beatriz Corbacho González, que concorreu ao certame coa obra “Labrando nutrientes. Intensificación agraria e manexo da fertilidade do solo nunha agricultura atlántica: Galicia, séculos XVIII e XIX”. Beatriz Corbacho (Pontevedra, 1985) é licenciada en Historia, doutora en Historia Contemporánea e membro do Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra) da Universidade de Santiago de Compostela. Como gañadora do Premio recibirá 4.000 euros e a súa obra será publicada polo Concello.

No tocante á segunda modalidade do certame, na que se outorga unha bolsa de estudos de 3.000 euros para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, o xurado decidiu nesta ocasión declarar deserto o premio debido á “inadecuación dos proxectos presentados aos obxectivos marcados nas bases e a deficiente metodoloxía proposta”.

Á XX edición do Premio de Investigación concorreron un total de catro traballos, dous na primeira modalidade e outros dous na segunda. Este certame trata de promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas e vén sendo convocado polo Concello de Valga dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega adicou o Día das Letras Galegas a Xesús Ferro Couselo.

Volver