- O tribunal estivo integrado por Pegerto Saavedra, Xulio Rodríguez, Pablo Sánchez e Marcial Gondar
- Un total de catro traballos optan ás dúas modalidades do certame, que trata de incentivar os estudos actuais de investigación
Valga, 26 de xullo de 2019.
O xurado da vixésima edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo reuniuse este mediodía na Sala de Comisións do Concello de Valga para deliberar sobre os catro traballos presentados ao certame e elixir aos gañadores das dúas modalidades.
O tribunal estivo integrado por Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega; Xulio Rodríguez González, director do Museo Arqueolóxico de Ourense e facultativo do corpo superior de museos; Pablo Sánchez Ferro, neto de Xesús Ferro Couselo, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e técnico superior do corpo facultativo de arquiveiros da Xunta de Galicia; e Marcial Gondar Portasany, catedrático de Antropoloxía Social da USC, membro da sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e do padroado do Museo do Pobo Galego. Como secretario, con voz pero sen voto, actuou José Ramón Rial Becerra, membro do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Valga.
Foron dúas as propostas que se presentaron na primeira modalidade do Premio, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte. E outras dúas concorreron á segunda modalidade, pola que se convoca unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga. Neste caso os participantes tiñan que presentar un guión razoado detallando os obxectivos que pretenden acadar co seu traballo, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entregarase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do proxecto.
Os gañadores das dúas modalidades daranse a coñecer o vindeiro 30 de xullo, cando se cumpren 113 anos do nacemento de Xesús Ferro Couselo. As obras premiadas quedarán en poder do Concello de Valga, que se reserva o dereito de publicación.
O Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo busca promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas e vén sendo convocado polo Concello dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega adicou o Día das Letras Galegas ao Fillo Predilecto de Valga e insigne figura da cultura galega.