Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- No recinto da lagora déronlle de comer aos patos e cisnes e participaron en xogos

- As actividades gratuítas do Concello contan este ano con máis de 100 inscritos

EVMina1

Valga, 19 de xullo de 2019.

A Escola de Verán gratuíta que o Concello de Valga organiza para favorecer a conciliación familiar e laboral durante o período de vacacións cumpre a súa primeira semana de actividade dende a súa posta en marcha o pasado luns. Nestes días, os inscritos tiveron tempo de coñecerse entre eles e aos seus monitores cunha chea de xogos e actividades lúdicas e educativas, tanto no Auditorio de Cordeiro como na Casa da Cultura de Valga.

Esta mañá, ademais, estreouse unha das actividades que máis gusta aos rapaces: as rutas a pé polo municipio. Esta primeira saída tivo como destino a Mina Mercedes. Os case corenta nenos que forman parte do grupo da Casa da Cultura percorreron andando un traxecto de arredor de seis quilómetros, entre a ida e a volta, acompañados polos monitores, voluntarios e un integrante da agrupación de Protección Civil.

No recinto da lagoa déronlle de comer pan aos cisnes e aos patos, gozaron coas vistas desta antiga mina de arxila dende os pantaláns e aproveitaron as mesas da área de lecer para tomar a merenda. Tamén participaron en xogos como o teléfono estropeado, o cangrexo ou o canguro e o canario.

A Escola de Verán conta este ano con máis de 100 nenos inscritos de entre 5 e 14 anos de idade. Durante os meses estivais poderán divertirse e compartir experiencias como estas rutas turísticas, contacontos, actividades sobre igualdade, cineforum, manualidades, xogos populares, obradoiros na biblioteca e a sega do trigo, entre outras propostas. As actividades desenvólvense de luns a venres en horario de 10 a 13 horas.

EVMina2 EVMina3

EVMina4 EVMina5

Volver