- O colexio adheriuse ao programa de Bibliotecas Inclusivas da Consellería de Educación
- Contará o vindeiro curso cun espazo de lectura e ocio adaptado aos alumnos con necesidades educativas especiais
Valga, 18 de xullo de 2019.
Operarios municipais están executando obras de mellora na biblioteca escolar do CEIP Plurilingüe Baño-Xanza. Os traballos consisten no derrubamento de tabiques e na apertura do espazo para que sexa accesible a todo o alumnado, incluídos os estudantes con necesidades específicas de apoio educativo.
O colexio de Baño incorporouse recentemente ao programa de Bibliotecas Inclusivas da Consellería de Educación, que concedeu ao centro unha dotación económica para adaptar a súa biblioteca. Neste proxecto enmárcanse as obras que executa o Concello e que teñen como obxectivo “a ampliación do espazo de lectura e ocio, adaptándoo aos alumnos con necesidades educativas especiais e, ao mesmo tempo, facéndoo máis atractivo para o conxunto do estudantado”, explica a directora do colexio, Eva Zumalave.
As melloras completaranse coa adquisición de novo material documental, mobiliario e equipamento. As novas estanterías serán baixas, para facilitar o uso da biblioteca e dos seus fondos por parte de todos os rapaces e crearanse diferentes espazos, uns adicados máis específicamente a actividades didácticas e outros ao ocio. Deste xeito, a biblioteca da planta baixa estará máis orientada á lectura e na planta alta, nas dependencias que ata o de agora funcionaban como almacén, habilitarase unha área de ocio para ludotecas, obradoiros e outras actividades de carácter máis lúdico.
A renovada biblioteca estrearase o vindeiro curso.