- Nos últimos días tamén se achegaron ao nacemento usuarios dos Centros de Día de Dodro e Valga
- O Belén pecha este domingo para o público, pero os grupos poderán concertar cita ata o mes de setembro
Valga, 11 de xaneiro de 2018.
Coa volta ás aulas retomáronse nos últimos días as visitas de centros educativos ao Belén Artesanal en Movemento, que recibiu a grupos de escolares de Portugal, Padrón e Meaño. Dende o instituto desta última localidade achegáronse esta mañá a Campaña 122 estudantes de 1º a 4º cursos da ESO, mentras que onte fixeron o propio os once alumnos da Escola de Educación Infantil da Escravitude (Padrón), acompañados polos seus pais e outros familiares, ademais da mestra da unitaria.
O venres da pasada semana foron un cento de estudantes da localidade portuguesa de Vila do Conde os que visitaron o Belén atraídos pola súa sona, que traspasa fronteiras. Dende que abriu as súas portas, o pasado 3 de decembro, o nacemento obra da asociación Amigos do Belén recibiu a visitantes de toda a xeografía galega, doutras moitas comunidades españolas e tamén do estranxeiro, sobre todo portugueses, pero tamén británicos ou italianos, por exemplo.
Ademais de centros de ensinanza, tamén se achegaron ao Belén nestes días outros colectivos. Foi o caso dunha asociación de persoas con discapacidade de Pontevedra, e os usuarios e persoal dos Centros de Día de Dodro e Valga.
O Belén Artesanal clausura esta edición o vindeiro domingo, 14 de xaneiro, cando pechará as portas para o público. Ata o mes de setembro manterase a montaxe para recibir a grupos, que previamente deberán concertar cita a través do número de teléfono 630 95 25 15.