- O proxecto inclúe a construción dunhas gradas, a execución dun carril bici e senda peonil, a dotación de aseos públicos e o acondicionamento das áreas deportiva e de xogos
- O Concello e a Xunta de Galicia asinaron un convenio para investir 476.575 euros na mellora deste espazo
Valga, 12 de xullo de 2019.
Un total de corenta empresas presentaron ofertas para executar o proxecto de humanización e mellora do Parque Irmáns Dios Mosquera. As obras son contratadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e onte reuniuse a mesa de contratación para abrir o sobre único coas ofertas de todas as empresas licitadoras. En vindeiras datas coñecerase a resolución deste órgano co nome da compañía adxudicataria.
O Concello e a Xunta de Galicia asinaron un convenio de colaboración para investir 476.575’42 euros no acondicionamento deste parque. O obxectivo é realzar a importancia deste entorno e convertelo na zona de recreo e lecer por execelencia do municipio e da contorna, ofrecendo aos veciños e visitantes un espazo de calidade e cheo de posibilidades, dando valor á súa paisaxe característica e facéndoo o máis versátil posible para a realización do maior número de actividades.
As actuacións que se proxectan son:
- Construción dun escenario e unhas gradas, separados polo regato existente e que non suporán alteración do entorno xa que quedarán integradas no propio desnivel físico do terreo.
- Execución dun carril bici arredor do parque con carácter de circuíto pechado pero, ao mesmo tempo, con posibilidade de continuidade futura. Ademais, en paralelo a este carril, crearase unha senda peonil para favorecer os paseos sen interromper a actividade interna do parque.
- Instalación dunha nova pasarela peonil cruzando o regato e que dea continuidade á senda.
- Acondicionamento da pista deportiva, dándolle valor e utilidade á zona hormigonada existente e dotándoa de equipamento axeitado para a práctica deportiva.
- Dotación de mobiliario urbano como papeleiras, mesas e bancos que ofrezan aos usuarios a comodidade axeitada para gozar dunha xornada no parque.
- Ampliación da zona de parque infantil, coa instalación de máis xogos para nenos de distintas idades.
- Habilitar aseos públicos e un almacén nunha pequena edificación xa existente no parque.
As obras teñen un prazo de execución de seis meses.