Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Recibiu, xunto a outros 718 alumnos, un diploma nun acto celebrado no Pazo de Congresos, en Santiago

- O goberno local trasládalle a súa felicitación polos excelentes resultados acadados

SilviaPérez1

Valga, 11 de xullo de 2019.

A valguesa Silvia Pérez Vidal foi recoñecida pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) como un dos alumnos cos mellores expedientes académicos dos centros de ensino medio de toda Galicia.

No acto, que tivo lugar no Pazo de Congresos de Santiago, participaron un total de 719 estudantes que obtiveron unha nota media de 9 ou superior entre o Bacharelato e a fase xeral da proba de Avaliación para o Acceso á Universidade (ABAU). Silvia obtivo un 9,1 e, no total da selectividade, a súa nota foi de 12,85 sobre un máximo de 14.

O recoñecemento estivo presidido polo reitor da USC, Antonio López, e contou coa presenza de autoridades como os alcaldes de Santiago e Lugo. En grupos de 12 os homenaxeados foron subindo ao escenario para recoller o diploma que os acredita como os estudantes cos mellores expedientes académicos do curso 2018/19, no que Silvia Pérez rematou, no IES de Valga, a etapa de Bacharelato na rama de Ciencia e Tecnoloxía. Os seus magníficos resultados xa lle valeron, hai unhas semanas, outro recoñecemento por parte do Concello no acto de homenaxe aos alumnos cos mellores expedientes dos centros educativos valgueses.

Para Silvia o seu período no IES de Valga foi “unha bonita etapa, con bos compañeiros e bos profesores”. En setembro comezará unha nova fase formativa, a universitaria. Cursará a carreira de Bioloxía co obxectivo de especializarse na ensinanza. É consciente de que terá que facer fronte “a cambios grandes”, pero está segura de superalos con “esforzo, traballo e constancia”. A combinación deses tres factores son o seu segredo para o éxito, ademais do apoio da súa familia “que sempre está comigo e me anima cando estou estresada ou nerviosa polos exames”.

O goberno local trasládalle, unha vez máis, a esta estudante modélica as súas felicitacións polos resultados obtidos ata o de agora e deséxalle novos éxitos no seu futuro académico e profesional.

SilviaPérez2

Volver