- A primeira actividade será un taller de viñetas e humor gráfico que terá lugar o 29 de xullo no Auditorio
- A entrada aos obradoiros é de balde para todos os rapaces que queiran asistir
Valga, 10 de xullo de 2019.
As bibliotecas municipais de Valga acollen durante este verán catro obradoiros infantís de dinamización da lectura, organizados no marco do programa Ler Conta Moito, promovido pola Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia da Consellería de Cultura.
As actividades comezan o luns 29 de xullo con “Deixa o móbil e debuxa”, un obradoiro creativo de viñetas e humor gráfico que fomenta o entretemento activo, inculcando aos nenos valores como a seguridade e a confianza en si mesmos, a aceptación, o colaboracionismo, a igualdade, a perseverancia e o instinto de superación. Será no Auditorio Municipal a partir das 11 horas.
O 5 de agosto terá lugar na Casa da Cultura de Valga a actividade “As superheroínas do noso pobo”, un taller de ilustración centrado en debuxar a mulleres representativas de Valga e da súa contorna.
O 12 de agosto chegará ao Auditorio “A aventura de Daniela Pirata”, un contacontos interactivo no que a través dun conto sobre igualdade de xénero, se proporá aos participantes superar varias probas para converterse en auténticos piratas e obter o desexado tesouro. Xogos, cantos, bailes forman parte desta actividade contra a desigualdade.
Por último, o 19 de agosto pecharase a programación estival das bibliotecas con “A escena verbas!”. Trátase dun obradoiro con con música, teatro e danza, que promove a creatividade. Realizarase na Casa da Cultura de Valga e os rapaces asistentes poderán crear o seu propio espectáculo teatral a partir dun conto ou poema: farán as marionetas, a escenografía e tamén porán a música.
A entrada ás catro actividades é de balde para todos os nenos que queiran asistir.