- As persoas interesadas en formar parte do retén deben inscribirse na oficina do Servizo Público de Emprego en Vilagarcía
- A súa prioridade será exintiguir lumes forestais, pero tamén realizarán traballos de prevención
Valga, 5 de xullo de 2019.
O Concello, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, volverá a contar este verán cunha brigada de loita contra os incendios forestais, que se manterá activa durante un período de tres meses e estará formada por un total de cinco operarios (un xefe de brigada, un condutor e tres peóns).
As persoas interesadas en formar parte desta cuadrilla deben inscribirse na oficina do Servizo Público de Emprego de Vilagarcía cos códigos que a continuación se relacionan:
- Código 64101022: Xefe de brigada, que debe estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: Enxeñeiro de Montes, Enxeñeiro Técnico Forestal, Técnico Superior en Xestión e Organización de Recursos Naturais e Paisaxísticos, Técnico en Traballos Forestais e Conservación do Medio Natural ou Formación Profesional equivalente.
- Código 59321013: Traballador de retén de incendios forestais con carné de conducir B.
- Código 59321013: Traballador de retén de incendios forestais
Para a posta en funcionamento desta brigada, o Concello e máis a Xunta de Galicia asinaron un convenio para o desenvolvemento de accións combinadas de prevención e defensa contra incendios, co obxectivo de acadar unha maior eficacia na loita contra os lumes forestais a través da optimización de todos os recursos dispoñibles.
Entre as funcións e tarefas a realizar por este retén terá prioridade a extinción de incendios forestais, quedando integrada a brigada no dispositivo de emerxencias do Distrito Forestal XIX Caldas-Salnés. Tamén levarán a cabo labores de prevención, que consistirán na roza, rareo e eliminación de restos en camiños forestais, áreas cortalumes ou nas faixas de xestión de biomasa que sexan de titularidade municipal.