Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A actuación serviu de estrea do piano adquirido polo Concello para a Escola Municipal de Música

- É o segundo instrumento das súas características existente en España

piano01

Valga, 1 de xullo de 2019.

A Banda de Música Municipal de Valga celebrou onte domingo o seu vixésimo aniversario cun concerto no que compartiu escenario coa Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro.

A agrupación vocal, dirixida por Manuel López Castro, foi a encargada de abrir a actuación coa canción popular “Terra meiga” e o “Aleluia” de Häendel. A continuación, a Banda Municipal, con Manuel Villar Touceda á batuta, interpretou o pasodobre galego “Compostela”. 

Ambas formacións contaron co acompañamento ao piano de Paula Gago, posto que o concerto serviu tamén como estrea oficial do último instrumento adquirido polo Concello para a Escola Municipal de Música: un piano de cola modelo “Concert” da marca alemana Gotrian Steinweg, unha das de maior prestixo a nivel internacional. O Concello investiu 80.000 euros no instrumento, o segundo das súas características que hai en España (o outro atópase no Liceo de Barcelona). A posta de largo do piano chegou da man da profesora da Escola Municipal de Música Paula Gago, que emocionou ao público ao interpretar o tema “Gran Fantasía Española”.

O alcalde, José María Bello Maneiro, que asistiu á actuación acompañado por varios concelleiros do goberno municipal, destacou que “hai 20 anos víase moi lonxe poder contar con estas instalacións (as do Auditorio) e desfrutar dun espectáculo coma este. Se conseguimos todo isto foi grazas a todos os veciños de Valga, que loitamos xuntos para que hoxe sexa unha realidade da que temos que sentirnos moi orgullosos”. Bello Maneiro engadiu que o Concello e o equipo de goberno cren na cultura e que “non todo está feito, todos xuntos podemos conseguir novas metas. A seguinte é que Valga teña o terceiro Conservatorio Superior de Galicia”.

Para pechar o concerto a Banda e a Coral, que no mes de decembro festexará tamén o seu 25 aniversario, interpretaron conxuntamente “Slavenkoor uit Nabucco” e o Himno Municipal de Valga.

bandacoral1 bandacoral2

bandacoral3 piano02

Volver