- Os recoñecementos recaeron en alumnos dos colexios de Baño e Ferro Couselo, do IES de Valga e da Escola de Música
- O acto contou coa participación do director xeral de Educación da Xunta, Manuel Corredoira
Valga, 28 de xuño de 2019.
O Concello de Valga rendeu homenaxe aos mellores estudantes dos centros educativos do municipio nun acto celebrado onte pola tarde no Auditorio Municipal.
Foron nove os homenaxeados. Os galardóns aos mellores expedientes de Educación Primaria recaeron en Carla Herrero Suárez, do CEP Xesús Ferro Couselo, e Irene Sanmarco Miguéns, do CEIP Baño-Xanza. En Educación Secundaria Obrigatoria foi recoñecida María Ortigueira Piñeiro, mentras que en Bacharelato os mellores expedientes foron os de Silvia Pérez Vidal, na rama de Ciencia e Tecnoloxía, e Sara Castaño Barreiro na modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais.
No ciclo de Fabricación Mecánica de FP Básica, o alumno máis destacado foi Francisco Ande García, no Ciclo Medio de Soldura e Caldeiraría o recoñecemento recaeu en David Bernal Blanco e no Ciclo Superior de Construcións Metálicas, en Daniel Regenjo Touceda. Por último, o estudante co mellor expediente da Escola Municipal de Música durante o curso recén rematado foi Iago Sobrino Martínez, alumno de Grao Profesional na especialidade de trombón.
Os galardoados recibiron un diploma, una placa e unha tablet como agasallo.
O acto contou coa participación do alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira de Educación, Carmen Gómez, e como representante da Xunta de Galicia asistiu o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López. Os centros educativos valgueses tamén tiveron presenza na homenaxe da man dos directores da Escola Infantil Municipal, Aurora Díaz; do CRA de Valga, Manuel Abraldes; do CEP Ferro Couselo, Miguel Fernández; do CEIP Baño-Xanza, Eva Zumalave; da Escola de Música, Manuel Villar; e do vicedirector do IES de Valga; Eliseu Mera.
No turno de intervencións, o alcalde deu a “noraboa” a todos os galardoados e tamén aos profesorado dos respectivos centros e ás familias dos alumnos. “Entre todos formaron un equipo” que os conduciu ao éxito, dixo. Alentounos, ademais, a continuar “por esta senda, traballando para seguir sendo os mellores”.
Pola súa parte, o director xeral referiuse a Valga como “un concello volcado coa educación” e louvou a iniciativa de recoñecer o traballo feito por estes estudantes. “É unha obriga estudar por parte dos alumnos, pero tamén é unha obriga nosa recoñecer o seu esforzo porque o futuro está aquí”.
Algúns dos estudantes homenaxeados tomaron a palabra para agradecer o traballo do profesorado dos seus respectivos centros e o apoio dos seus pais e familias, determinantes para lograr estes éxitos académicos. Tamén aplaudiron a iniciativa do Concello por enxalzar, con estes recoñecementos, os valores do esforzo.
Por último, o director do Ferro Couselo referiuse aos nove galardoados como uns “alumnos exemplares”. “Os seus resultados son reconfortantes para profesorado e o seu talento, adicación e perseverancia fan que se lles abran cada vez máis portas para o seu futuro académico e profesional”.
Durante o acto actuaron Iago Sobrino, que interpretou dous temas co trombón, e a Agrupación de Cámara da Escola Municipal de Música coa solista Lorena Rodríguez e dirixida por Francisco Javier Morgade.