- As parroquias de Cordeiro e Xanza son as que rexistraron un maior número de solicitudes veciñais
- O Concello pide aos responsables das cacharelas que extremen a vixilancia para evitar incidentes
Valga, 21 de xuño de 2019.
O Concello de Valga concedeu autorización para a queima de máis de setenta de fogueiras durante a noite de San Xoán no municipio. A parroquia que rexistrou un maior número de solicitudes veciñais foi a de Cordeiro, cun total de 22, seguida de Xanza con 18. En Valga están autorizadas 13 fogueiras, en Campaña 12 e en Setecoros 9.
Para cumplir con esta tradición na noite máis curta do ano os veciños tiveron que cubrir un impreso nas oficinas municipais indicando a parroquia e o lugar no que se realizará a fogueira, quedando esta baixo a responsabilidade do solicitante que, coa súa sinatura, se compromete a adoptar as medidas de seguridade necesarias para evitar incidentes e escapes do lume.
O listado completo de cacharelas autorizadas foi posto en coñecemento dos servizos de emerxencias, que durante toda a noite de San Xoán farán un seguimento para garantizar que non se produzan incidentes.
O goberno municipal pide aos veciños que extremen as precaucións e ofrécelles unha serie de recomendacións para evitar percances co lume:
- Por mor da seguridade non fagan moreas dunha altura excesivamente elevada
- Non fagan a fogueira preto de lugares con vexetación
- Con exceso de vento non prendan a fogueira
- Eviten usar nas fogatas materiais que co vento poidan provocar un incendio (ramas de eucalipto, papeis, etc.)
- Procuren ter auga preto para actuar ante posibles escapes do lume
- Non utilicen na fogueira materiais contaminantes (pneumáticos, aerosois, etc.)
- Deixen a fogueira completamente apagada antes de marchar
- Lembre que no caso de ter problemas debe chamar ao 085 ou ao 112 (a chamada é GRATUÍTA)