- A actividade complementa a formación teórica e práctica que levan meses recibindo
- O Obradoiro conta cos módulos de albanelería e forestais, nos que participan vinte persoas desempregadas
Valga, 21 de xuño de 2019.
O alumnado do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia III, acompañado polo equipo docente e directivo, realizou esta mañá dúas visitas formativas a Extrugasa e á Cidade da Cultura.
Achegáronse primeiro á empresa do Grupo Quintá, en Campaña, para participar nunha visita guiada polas súas instalacións e coñecer a historia desta firma de referencia no mercado mundial da extrusión de aluminio.
A continuación, os alumnos da especialidade de albanelería trasladáronse ata Santiago para visitar a Cidade da Cultura. O percorrido partiu do edificio do Museo e incluíu as instalacións do arquivo e da biblioteca. Un guía explicoulles cuestións como o proxecto arquitectónico do complexo, o proceso de construción e os materiais empregados.
Estas visitas plantexáronse como un complemento á formación teórica e práctica dos alumnos do Obradoiro de Emprego, un proxecto compartido polos concellos de Valga e Moraña. Participan nel vinte persoas desempregadas, dez na especialidade de albanelería a outra metade no módulo de forestais.