- A actividade, na que colabora o Concello, diríxese a rapaces nacidos entre os anos 2005 e 2015
- O club celebra o sábado 22 de xuño o 50 aniversario da súa fundación
Valga, 14 de xuño de 2019.
Rapaces nacidos entre os anos 2005 e 2015 poden participar na terceira edición do Campus de Verán que organiza o Cordeiro C.F. coa colaboración do Concello e que se desenvolverá entre os días 24 e 28 de xuño nas instalacións deportivas municipais de Campaña.
Esta actividade quere fomentar a práctica deportiva, en concreto a do fútbol, entre os máis novos, pero tamén incentivar a súa responsabilidade e os valores da convivencia e do respecto. Adestramentos e outros xogos axudarán aos rapaces a desenvolver e mellorar os fundamentos técnicos e tácticos do fútbol, tanto colectivos como individuais, promovendo valores como o compañeirismo, o xogo limpo, os bos hábitos alimentarios e a hixiene, entre outros.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 21 de xuño. Os nenos que xa forman parte das categorías base do Cordeiro C.F. poden anotarse a través do grupo da súa categoría e os que non pertencen ao clube teñen á súa disposición o número de teléfono 629 380 594.
O prezo é de 30 euros por cada neno inscrito e inclúe póliza de accidentes, auga e froita. O pago realizarase a través do Banco Santander
Medio século de historia
O Cordeiro C.F. conmemora durante este ano 2019 o 50 aniversario da súa fundación. A celebración desta efeméride terá lugar o vindeiro 22 de xuño, sábado, no campo de fútbol de Baño a partir das 12 horas. Haberá unha misa en memoria dos socios falecidos, actuación da Banda Municipal de Valga, un xantar de confraternidade e, pola tarde, charanga e xogos e obradoiros para os rapaces.
Os tíckets para asistir á celebración poden adquirirse no Bar Pardal, Bar Juan, Couceiro, Radio Valga ou a través do teléfono 606 944 868. O prezo é de 20 euros os adultos e 10 euros os nenos.