- Aprobáronse por unanimidade as actas das sesións celebradas nas últimas semanas
- O sábado ás 14 horas constitúese a nova Corporación coa toma de posesión dos concelleiros e o nomeamento do alcalde
Valga, 13 de xuño de 2019.
A Corporación municipal reuniuse onte pola tarde no último Pleno da lexislatura 2015-2019. Foi unha sesión extraordinaria convocada para aprobar as actas das cinco sesións celebradas durante o mes de abril.
O alcalde en funcións, José María Bello Maneiro, tivo despois unhas palabras de agarimo para as dúas persoas do grupo de goberno que deixan de formar parte da Corporación valguesa: Mari Carmen Castiñeiras, responsable ata o de agora da área de Cultura, e Ramona Otero, concelleira delegada de Xuventude, Turismo e Escola de Música. Ás dúas agradeceulles “o traballo realizado durante todos estes anos” e que redundou en beneficio de Valga e dos veciños.
O vindeiro sábado, ás 14 horas, celebrarase o Pleno de constitución da nova Corporación 2019-2023. Ao comezo da sesión constituirase unha mesa de idade integrada polos concelleiros electos de maior e menor idade, ademais do secretario municipal.
A súa función incluirá a comprobación das credenciais dos concelleiros electos, requisito previo á toma de posesión do cargo. Esta mesa presidirá tamén a elección e proclamación do novo alcalde.
A orde do día do Pleno é a seguinte:
1. Designación da Mesa de Idade
2. Comprobacións previas á constitución do Concello
3. Toma de posesión dos concelleiros electos
4. Elección do alcalde
- Proclamación de candidatos á Alcaldía
- Elección do sistema de votación
- Votación
- Toma de posesión