- O alcalde e a concelleira Begoña Piñeiro participaron onte no acto de clausura
- Medio cento de alumnos de 6 anos en diante asistiron dende outubro ás clases de inglés
Valga, 31 de maio de 2019.
A Escola Municipal de Idiomas pechou o curso 2018/2019 cun acto de entrega de diplomas que tivo lugar onte pola tarde no Auditorio Municipal. Medio cento de alumnos de 6 anos en diante asistiron durante os últimos meses ás clases de inglés impartidas por docentes do Centro de Idiomas Waterford, un centro Trinity homologado.
Durante o curso que se prolongou dende o pasado mes de outubro impartíronse clases dos niveis A1, A2 e B2, dende iniciación a nivel intermedio. Fíxose especial fincapé na expresión oral, tratando de que os alumnos adquiran soltura para comunicarse en inglés, e os máis pequenos traballaron con xogos, actividades lúdicas e cancións. Algúns dos alumnos presentaranse en vindeiras datas aos exames oficiais do Trinity College e Cambridge.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Begoña Piñeiro, participaron no acto de clausura e foron os encargados de entregar os diplomas aos rapaces, que amosaron parte do aprendido durante o curso cantando cancións en inglés. O alcalde lembrou que a Escola Municipal de Idiomas leva xa sete cursos en funcionamento, felicitou aos alumnos polo traballo realizado durante o curso e destacou a importancia de aprender idiomas. “Vós sodes o futuro e tendes que prepararvos o mellor posible. Estades no bo camiño”, díxolles.