- O espectáculo humorístico comezará ás 20:30 horas e as entradas están á venda en www.ataquilla.com
- A Escola Municipal de Música despide un curso cun ciclo de concertos
Valga, 30 de maio de 2019.
O Auditorio Municipal comeza o mes de xuño por todo o alto recibindo este domingo ao elenco de actores e músicos de “Malo Será!”, que gravará en Valga un dos programas que proximamente se emitirá na Televisión de Galicia. O espectáculo dará comezo ás 20:30 horas e incluirá sketches humorísticos, unha banda de música en directo e unha vistosa escenografía, coa participación ademais de Xosé Antonio Touriñán. As entradas están a venda en www.ataquilla.com por 10 euros máis gastos de xestión.
A programación para o mes que comeza está protagonizada pola Escola Municipal de Música, que ofrecerá un ciclo de concertos para pechar o curso. Actuarán os solistas de piano, de saxofón, vento metal, percusión, corda, vento madeira e de acceso ao Conservatorio. Tamén haberá actuacións da Orquestra, do alumnado de Música e Movemento, Linguaxe Musical e de Canto e a Banda Municipal de Valga celebrará o seu 20 aniversario dun concerto xunto á Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro.
Entre os días 14 e 16 a Escola de Música organiza un curso de clarinete impartido polo mestre Vicent Alberola e, seguindo co apartado musical, actuarán tamén no Auditorio a compañía Nelson Quinteiro, co espectáculo “Cantares de domingo” e os solistas do conservatorio profesional de Lalín.
Coincidindo co remate do curso escolar, o Auditorio Municipal acollerá os festivais de fin de curso do CEP Plurilingüe Xesús Ferro Couselo e da Escola Infantil Municipal. A asociación cultural e xuvenil “A Eira” celebrará o domingo 16 o seu Festival de Verán, con actuacións de baile e música en directo.
Entre os días 3 e 30 de xuño poderá verse na sala de exposicións a mostra “Encontros Creativos”, con obras de Marisé Canda, Rosa Vidal, Aurea Garabán e Elena Vidal.