- O músico Xoán Curiel e a contadora Charo Pita achegaron aos cativos a vida e obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas
- O espectáculo combinou narracións tradicionais e algunhas das cantigas populares recollidas por Fraguas
Valga, 28 de maio de 2019.
O Auditorio Municipal recibiu esta mañá a uns 250 alumnos de Educación Primara do CEIP Baño-Xanza, que asistiron ao espectáculo “Canta miña pedra, canta”, unha homenaxe a Antón Fraguas, autor ao que este ano se adicou o Día das Letras Galegas.
A actividade estivo protagonizada polo músico Xoán Curiel e a contadora Charo Pita, que a través da música e de narracións tradicionais achegaron aos rapaces a vida e obra de Antón Fraguas, dende que de neno soñaba con ser maquinista de tren ata que publicou algúns dos seus traballos máis significativos, como “Aportacións ao Cancioneiro de Cotobade”.
Precisamente nesta obra e nas cantigas populares que Fraguas recolleu nela está baseado o espectáculo “Canta miña pedra, canta”.