Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O certame convocado polo Concello reparte 7.000 euros en premios entre as dúas modalidades

- Os gañadores daranse a coñecer na última semana de xullo, coincidindo coa data de nacemento de Ferro Couselo, Fillo Predilecto de Valga

premioferrocouselo

Valga, 27 de maio 2019.

A XX edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo aínda mantén aberto, ata o vindeiro 15 de xuño, o prazo de presentación de traballos nas dúas modalidades habituais.

Á primeira, dotada con 4.000 euros, poden concorrer traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte. As obras deben estar escritas en galego e ser inéditas, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 300. 

Na segunda modalidade convócase unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga. Os participantes deben presentar un guión razoado no que detallen os obxectivos que pretenden acadar co traballo, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entregarase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do traballo.

Os participantes en calquera das dúas modalidades deben dirixir os seus traballos ao Rexistro de Entrada do Concello de Valga entregando o orixinal e cinco copias en tamaño folio, mecanografados a dobre espazo por unha soa cara. É imprescindible presentar os traballos baixo un lema, que tamén figurará no exterior da plica na que se incluirán o nome e apelidos, enderezo, teléfono do autor e título da investigación. O prazo de entrega finaliza o 15 de xuño e os gañadores daranse a coñecer na última semana do mes de xullo, coincidindo coa data de nacemento de Xesús Ferro Couselo.

O xurado estará constituído por cinco especialistas no campo da investigación designados pola Comisión de Cultura do Concello, que se reservará para si a Presidencia e a Secretaría. O secretario terá voz pero non voto. Se o considera pertinente, o xurado poderá dividir o premio, concedéndollo como máximo a dúas obras. Tamén poderá declarar deserto o certame se os traballos non acadan a calidade desexable.

As obras premiadas quedarán en poder do Concello de Valga, que se reserva o dereito de publicación.

Na última edición do certame as historiadoras Mónica Fernández Armesto e Mariña Bermúdez Beloso repartíronse o premio na primeira modalidade, cos traballos "A xustiza civil ordinaria nos tribunais da área de Ortigueira en época preestatística" e "Ad tudensem ecclesias que in vicino sunt: A organización do espazo na antiga diócese de Tui ao norte do Miño". Na segunda modalidade o gañador foi José Casal Porto co proxecto “A Casa da Palma”, centrado na historia, os moradores e o entorno máis próximo desta construción orixinaria do século XVII emprazada no lugar de Fontenlo.

Bases completas

Ferro Couselo

 

Volver