Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Instalaranse canalizacións soterradas e habilitaranse beirarrúas e unha zona de aparcamento

- “A Xunta segue a demostrar que lle importa o benestar dos valgueses”, di o alcalde, que lembra que este mesmo proxecto foi rexeitado pola Deputación

AREA EMPRESARIAL CAMPAÑA

Valga, 24 de maio de 2019.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará con 92.831’21 euros a mellora das infraestruturas viarias na área industrial de Campaña. A concesión desta nova subvención da Xunta de Galicia enmárcase nunha liña de axudas encamiñadas á habilitación e mellora das infraestruturas no entorno dos parques empresariais da comunidade.

No caso de Campaña, esta área empresarial conta cunha superficie aproximada de 315.000 metros cadrados e está situada ao carón da estrada autonómica PO-548, dende a que ten o seu acceso principal.  Ten asentadas a tres grandes empresas, dúas do sector do aluminio e outra do sector da automoción, que suman na actualidade uns 900 traballadores que a diario se desprazan ata a zona, xa sexa a pé ou en vehículos particulares.

Estas empresas están promovendo e executando ampliacións nas súas instalacións e isto leva parello un aumento do persoal que alí desenvolve a súa actividade profesional e tamén da producción, co conseguinte incremento na circulación de vehículos, tanto privados como de transporte, e no tránsito de peóns.

Para dar resposta a esta situación e adecuar as infraestruturas da zona ás novas necesidades, o Concello proxectou esta mellora viaria para contar cun acceso de calidade en beneficio tanto dos traballadores como das propias empresas. En concreto, as actuacións que se executarán son: a instalación de canalización soterrada, a dotación de tubaxes para recollida de augas pluviais, a construción de beirarrúas, a habilitación dunha zona de estacionamento e pavimentación.

O alcalde, José María Bello Maneiro, indica que o seu equipo de goberno leva anos promovendo políticas de apoio ao sector industrial como forma de impulsar e a economía de Valga e de acadar a creación de novos postos de traballo para os veciños. “Este mesmo proxecto presentámosllo á Deputación de Pontevedra e negounos a subvención dicindo que xa esgotara os cartos. Agora a Xunta si que apoia ao Concello e nos concede esta axuda que permitirá que as obras sexan pronto unha realidade. Nestas situacións é cando se demostra quen se interesa realmente pola mellora de Valga e o benestar dos seus veciños”.

Volver