- As competicións estréanse o sábado coa categoría benxamín e seguen o domingo cos biberóns
- Na pasada edición máis de 4.500 persoas presenciaron os partidos no campo municipal de Baño
Valga, 22 de maio de 2019.
O Cordeiro C.F. celebra a partir deste sábado e coa colaboración do Concello de Valga a quinta edición dos seus torneos de fútbol base. Uns 1.400 futbolistas de 88 equipos participarán, durante tres fins de semana consecutivas, nas competicións das categorías biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete. Na edición do pasado foron máis de 4.500 as persoas que asistiron aos partidos disputados no campo municipal de Baño.
Os torneos estréanse o sábado coa categoría benxamín. Cordeiro, EFM Boiro, CD Sar, AF7 Vilagarcía, Catoira SD, SD Villestro, CD Rois, SD Aguiño, Arosa Promesas, CF Carreira, CD Dodro, Victoria CF, Pontevedra CF, CD Conxo, CD Rois “B” e Cordeiro “B” serán os dezaseis equipos participantes. Os partidos comezarán ás 9 da mañá e prolongaranse ata arredor das 20 horas.
O domingo será o turno dos máis pequenos de categoría biberón coa participación dos seguintes equipos: Cordeiro, Victoria FC, SD Chispa, CD Ribadumia, Arosa SC, Atlético Cuntis, Villestro SD, Outes FC, EFM Boiro, SD Esclavitud, CD Ribadumia “B”, AF7 Vilagarcía, Sálvora CF, Amio SD, CD Rois e Milladoiro SD. Os encontros disputaranse a partir das 10 da mañá.
Na fin de semana do 1 e 2 de xuño retomaranse os torneos, o sábado coa categoría alevín e o domingo coa prebenxamín. Os días 8 e 9 de xuño porán o broche os infantís e os cadetes.