Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O proxecto inclúe a construción dunhas gradas, a execución dun carril bici e senda peonil e a dotación de aseos públicos

- Tamén se acondicionará a pista deportiva e se instalará novo mobiliario urbano e xogos infantís

Parque Irmáns Dios Mosquera

Valga, 21 de maio de 2019.

O Concello de Valga e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda investirán 476.575’42 euros na humanización e mellora do Parque Irmáns Dios Mosquera, en virtude dun acordo de cooperación asinado entre as dúas administracións para realzar a importancia deste entorno e convertelo na zona de recreo e lecer por execelencia do municipio.

Cunha superficie aproximada de tres hectáreas e situado á beira do río Valga, o Parque Irmáns Dios Mosquera alberga unha área fluvial e recreativa composta por unha zona adicada ao baño e outra de parque infantil, parque biosaudable para maiores e zonas de esparexemento e de práctica deportiva. É, ademais, o remate dunha senda que comeza na Casa do Concello e continúa polo Museo da Historia ata chegar ao novo Centro de Interpretación da Caña, a antesala do parque propiamente dito. Nesta zona atópase tamén a estatua da Bella Otero e celébrase anualmente a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, xunto a outras actividades.

Trátase, en definitiva, dunha área de interese natural e cultural que se humanizará e mellorará para ofrecer aos veciños un espazo de calidade e cheo de posibilidades, dando valor á súa paisaxe característica e facéndoo o máis versátil posible para a realización do maior número de actividades.

As actuacións que se proxectan son:

  • Construción dun escenario e unhas gradas, separados polo regato existente e que non suporán alteración do entorno xa que quedarán integradas no propio desnivel físico do terreo.
  • Execución dun carril bici arredor do parque con carácter de circuíto pechado pero, ao mesmo tempo, con posibilidade de continuidade futura. Ademais, en paralelo a este carril, crearase unha senda peonil para favorecer os paseos sen interromper a actividade interna do parque.
  • Instalación dunha nova pasarela peonil cruzando o regato e que dea continuidade á senda.
  • Acondicionamento da pista deportiva, dándolle valor e utilidade á zona hormigonada existente e dotándoa de equipamento axeitado para a práctica deportiva.
  • Dotación de mobiliario urbano como papeleiras, mesas e bancos que ofrezan aos usuarios a comodidade axeitada para gozar dunha xornada no parque.
  • Ampliación da zona de parque infantil, coa instalación de máis xogos para nenos de distintas idades.
  • Habilitar aseos públicos e un almacén nunha pequena edificación xa existente no parque.

“O Parque Irmáns Dios Mosquera xa é actualmente un dos mellores parques e zonas de lecer da contorna e, con estas obras, reforzará o seu atractivo tanto para os veciños de Valga como para os visitantes”, indica o alcalde, José María Bello Maneiro.

cartel parque IDM

Volver