Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os festexos, que terán lugar o día 1 de xuño, inclúen teatro, música de percusión co grupo Pelepau e un espectáculo luminoso e pirotécnico

- O prazo para participar na cea campestre está aberto ata o día 27 de maio

Valga1809

Valga, 15 de maio de 2019.

Casaldeirigo rememora o vindeiro 1 de xuño a batalla da Guerra da Independencia que se librou no lugar en 1809. A recreación da contenda, da que se cumpren 210 anos e que enfrentou aos veciños da zona co exército de Napoleón, reunirá nos arredores da Capela da Saúde a uns douscentos figurantes que revivirán a cruenta pero desigual loita na que as alarmas locais demostraron a súa ousadía e valor para, con armas improvisadas e rudimentarias, facer fronte ás preparadas tropas francesas.

As alarmas de Valga non estarán soas na batalla, senón que lle chegarán reforzos doutras zonas de Galicia. En Casaldeirigo estarán tamén alarmas de Pontecaldelas e San Antoniño de Mos, arroupados por outros colectivos participantes como o grupo de Entroido “Os da Troula”, a asociación Casco Vello de Vigo ou a asociación Cabalar de Valga, baixo a organización do Concello e da asociación cultural Heroes de Casaldeirigo.  

As actividades darán comezo ás 17 horas co desfile cara as inmediacións da Capela da Saúde, onde se pasará revista ás tropas, izaranse as bandeiras dos países participantes e haberá unha homenaxe aos caídos. A continuación desenvolverase a recreación da batalla.

A actuación de Cantos de Taberna, das Pandereteiras Virxe da Saúde e Trebóns do Berbés precederá a outra das citas salientables da tarde, a representación teatral da obra "O que Napoleón non se levou”, escrita por Marcela Rodríguez e gañadora do Premio de Teatro “A Guerra da Independencia en Valga”. A obra será representada por actores afeccionados: integrantes da Escola Municipal de Teatro e veciños.

Durante a tarde haberá degustación gratuíta de rosquillas e actividades e obradoiros para os máis cativos. Non faltará a animación e o espectáculo con Troula e a música correrá a cargo de Pelepau, grupo de percusión que mestura a música popular de Galicia con outros ritmos traídos polas comunidades de emigrantes retornados. Ao anoitecer, un espectáculo pirotécnico iluminará a Capela da Saúde.

Pola noite terá lugar a cea campestre, para a que se admiten inscricións ata o día 27 de maio no teléfono 693 504 940 ou a través de calquera membro da asociación Heroes de Casaldeirigo. O prezo é de 18 euros por persoa. O fin de festa poñerano Unión y Fuerza e o dúo Master.

Batalla Casaldeirigo 2019

Volver