Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O autobús estará emprazado diante do Concello entre as 10 e as 14 horas e en Cordeiro, xunto ao Auditorio, das catro ás nove da tarde

- Os grupos sanguíneos coas reservas máis baixas son o A+, 0- e 0+

bussangue

Valga, 13 de maio de 2019.

A Axencia Galega do Sangue, dependente da Consellería de Sanidade, deprazará este mércores, 15 de maio, a Valga unha unidade móbil de doazón dentro da súa campaña “Súmate ao noso equipo”. O autobús estará emprazado en Pontevalga, diante do Concello, de 10 a 14 horas e pola tarde trasladarase a Cordeiro, xunto ao Auditorio Municipal, entre as 16 e as 21 horas.

Poden acudir persoas maiores de 18 anos (se cumpren 65 poden doar co permiso do seu médico), con máis de 50 quilos de peso e que non padezan nin teñan padecido enfermidades transmisibles polo sangue. Non deben ir sen almorzar e despois de xantar teñen que deixar pasar dúas horas, sen esquecer levar a tarxeta de doador, DNI ou documento similar. Antes da doazón, un médico realizará unha entrevista e un exame básico a cada persoa para preservar a saúde do doador e protexer ao futuro receptor dos compoñentes sanguíneos. Deben informalo no caso de estar tomando algún medicamento. Os homes poden doar un máximo de catro veces ao ano e as mulleres tres, deixando pasar entre cada unha delas un mínimo de dous meses.

Tanto a Axencia Galega do Sangue como o Concello piden aos veciños a maior colaboración e solidariedade para cubrir as necesidades dos hospitais galegos, que atenden cada día unha media de 2.700 urxencias, máis de 500 intervencións cirúrxicas e tres transplantes de órganos e tecidos. O obxectivo é acadar as 100.000 doazóns cada mes, cifra que precisan os hospitais para atender a todos os enfermos. Ademáis, incídese na concienciación dun grupo especial de doadores universais, con sangue cero negativo, que son apenas 7 de cada 100.

Hai que ter en conta que de cada doazón de sangue obtéñense tres compoñentes (glóbulos vermellos, plasma e plaquetas) que adoitan utilizarse por separado, de maneira que unha doazón pode beneficiar a máis dun paciente. Enfermos que se teñen que operar, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancro ou leucemia ou se teñen que someter a transplantes de órganos son os principais receptores das doazóns. Unha intervención cirúrxica pode precisar dúas bolsas de glóbulos vermellos e nalgúns accidentes de tráfico e transplantes de fígado chégase a utilizar o sangue que doan dez ou vinte persoas.

Os grupos sanguíneos coas reservas máis baixas nestes momentos e, polo tanto, os que máis se precisan son o A Positivo, o Cero Positivo e o Cero Negativo.

cartel sangue

Volver