- Expoñen unha maqueta de nave industrial feita en impresión 3D coa colaboración da empresa Gama e Hijos
- Este proxecto fora premiado pola Consellería de Educación
Valga, 7 de maio de 2019.
O IES de Valga participa na exposición “FP Inova 2019”, que a partir de mañá e ata o venres se desenvolve no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. Alí presenta e expón o seu proxecto: “Maqueta da estrutura metálica dunha nave industrial”, toda ela construída mediante impresión 3D.
Este proxecto, premiado pola Consellería de Educación na convocatoria de premios a proxectos de innovación tecnolóxica ou didáctica no ámbito da Formación Profesional en centros públicos, foi realizado coa colaboración da empresa Gama e Hijos S.L. e nel participaron tanto persoal desta firma como profesorado e alumnado dos ciclos formativos de Construcións Metálicas.
FP Innova é un congreso organizado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Trátase da cuarta edición dun evento que se constitúe como referente na difusión da innovación didáctica e tecnolóxica, da transferencia de coñecemento e da capacidade de emprender na que está imnersa a formación profesional galega.