- O tribunal rexeita de forma categórica a existencia de prevaricación nin de malversación
- O auto avala o que sempre dixo o goberno local: as Comisións foron creadas legalmente polo Pleno e sen ningún reparo de Secretaría ou Intervención
Valga, 4 de maio de 2019.
A Audiencia Provincial de Pontevedra arquivou definitivamente a denuncia dos concelleiros socialistas de Valga contra o equipo de goberno polas Comisións de Coordinación. As tres maxistradas do tribunal acordaron rexeita ar o recurso de apelación presentado polos edís da oposición contra o sobreseemento provisional da causa dictado, ata en dúas ocasións, polo Xulgado de Primeira Instancia nº1 de Caldas de Reis.O auto é firme e contra el non cabe ningún outro recurso.
A Audiencia avala as explicacións que sempre ofreceu o equipo de goberno:as Comisións de Coordinación foron creadas legalmente e as súas retribucións, aprobadas anualmente polo Pleno sen informes en contra de ningún dos secretarios e interventores municipais. O auto di, literalmente, que as Comisións de Coordinación “existen dende o ano 1991, froito da potestade de autoorganización que ostentan as corporacións locais e, por tanto, axustadas a dereito”. Engade que “as asignacións encontrábanse previstas na dotación orzamentaria do Concello en cada un dos exercicios económicos” e que “foron aprobadas polo Pleno da Corporación sen que conste nota de reparo ou obxección algunha por parte do secretario ou interventor do Concello”.
Polo tanto, a Audiencia descarta a existencia dos delitos de prevaricación administrativa e malversación de caudais públicos, posto que os concelleiros que cobraron as correspondentes dietas“efectivamente asistiron ás reunións”,o pago “respondeu a un procedemento legal”e“o gasto estaba previsto nos orzamentos”.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e outros concelleiros do grupo de goberno compareceron esta mañá para informar sobre a resolución da Audiencia Provincial. Durante todo este tempo “amosamos o máximo respecto polas decisións xudiciais. Pedímoslle agora aos concelleiros do PSOE e aos seus palmeros que rectifiquen e recoñezan públicamente nos medios de comunicación e nas redes sociais, nas que durante tres anos estiveron intentando enganar aos veciños, queas comisións de coordinación foron sempre legais e que a súa constitución non supuxo ningunha irregularidade. O colmo deste caso –engadiron- é que un dos concelleiros do PSOE denunciantes votou, no seu día, a favor da creación das Comisións de Coordinación. Ademais, o novo candidato das Mareas, tamén no seu día concelleiro do PSOE, tampouco votou en contra da creación de ditas Comisións cando tivo oportunidade".
O equipo de goberno volve a reiterar que "todo o que se fixo e se fai no Concello de Valga está dentro da legalidade" e entende que as Comisións de Coordinación son un órgano importante para a boa organización e funcionamento do Concello co fin de seguir mellorando Valga e a calidade de vida dos nosos veciños, para así seguir defendendo os intereses dos valgueses ante outras institucións e sempre por enriba dos intereses políticos".
Os membros do goberno municipal entenden que esta resolución da Audiencia “deixa ao descuberto todas as mentiras e fulmina a credibilidade dos concelleiros do PSOE de Valga. A súa capacidade para exercer con rigor como representantes públicos é nula”. Lamentan que os socialistas elixiran como estratexia a “xudicialización da actividade do Concello en lugar de traballar para mellorar o pobo e a calidade de vida dos seus veciños. Durante máis de tres anos tivemos que escoitar e ler unha barbaridade de descalificacións, insultos e faltas de respecto cara ao equipo de goberno, acusándonos de delitos que ningún de nós cometemos. Tamén os nosos familiares, algún deles menor de idade, tiveron que sufrir as consecuencias destes ataques e desta persecución personal e política. Agora chegou o momento de que todos dean a cara”.
"Esiximos á candidata do PSOE que recoñeza que todo foi unha burda estratexia política para manchar a imaxe deste goberno e que presente inmediatamente a súa renuncia como cabeza de lista. E esperamos que o candidato das Mareas e os seus seguidores e palmeros, que durante toda a lexislatura acompañaron aos seus ex amigos socialistas no traballo sucio contra o equipo de goberno, rectifiquen e pidan perdón".
O goberno local compareceu acompañado polo avogado Francisco J. Lago, letrado particular dalgúns dos concelleiros denunciados, quen explicou que “dende o primeiro momento se atisbaba que esta denuncia non tiña relevancia xurídico penal, xa que as comisións estaban avaladas polo Pleno dende o ano 1991, hai informes do secretario e o interventor que din que son perfectamente lexítimas e as dietas eran aprobadas dentro dos orzamentos”. O avogado sostén que co auto da Audiencia Provincial “faise xustiza, xa que esta denuncia tiña unha soa motivación: a política. Durante todo este tempo os denunciantes só pretenderon dilatar o procedemento para perxudicar” ao goberno municipal.
Por iso, concluíu, estase a valorar a posibilidade de “iniciar accións legais para perseguir condutas como esta, que non poden permitirse en ningún ámbito da sociedade e moito menos dentro da administración pública, porque obstaculizan o seu normal funcionamento e van en prexuízo da cidadanía”. O propio alcalde ratificou esta última cuestión xa que “o ataque sufrido foi de tal gravidade que cremos necesario que se restitúa a nosa honra”.